20 de maio de 2009

PESCA

O BNG COMPROMÉTESE A DEFENDER NO PARLAMENTO EUROPEO UN INCREMENTO DE COTAS PESQUEIRAS PARA A FROTA DA GUARDA


A candidata do BNG ás eleccións europeas reuniuse onte coa Organización de Palangreiros da Guarda, Espadeiros Guardeses e coa Confraría de Pescadores da Guarda

Infogauda / A Guarda

A candidata do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, comprometeuse a defender os intereses da flota do peixe espada da Guarda na Unión Europea, e en concreto un incremento das cotas de pesca, até o de agora discriminatorias co noso país.

A candidata do BNG reuniuse onte con representantes da Organización de Palangreiros da Guarda (ORPAGU), Espadeiros Guardeses e coa Confraría de Pescadores da Guarda para recoller as súas demandas e transmitirlle as propostas programáticas do BNG en materia pesqueira.

Neste sentido, Ana Miranda, subliñou a importancia de que o BNG teña representación no Parlamento Europeo para defender o sector pesqueiro galego, “máxime nun escenario, no que o vindeiro ano vai empezar a reformarse a Política Pesqueira Común”.

Control das importacións e modificación do reparto de cotas

Ana Miranda comprometeuse a defender no Parlamento Europeo os intereses da flota guardesa en dúas liñas: demandar á Unión Europea que faga unha auténtica política de control das importacións de peixe espada procedente de terceiros países e incrementar as cotas para a flota galega.
En concreto, a candidata do BNG defendeu que “partindo do máximo respecto á sustentabilidade dos recursos pesqueiros, se modifique o reparto de cotas dentro da Unión Europea para que se adapten á importancia e potencialidade de cada flota, que no caso galego as cotas asignadas están moi por debaixo da capacidade do sector, mentres que noutros Estados membros non pescan as cotas que lles asignan”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario