20 de maio de 2009

A GUARDA


A AGRUPACIÓN CULTURAL GUARDESA HOMENAXERÁ A AGUSTÍN FERREIRA LORENZO
O acto de homenaxe terá lugar o día 29 de maio, ás 9 da noite no Centro Cultural e Social de A Guarda


Infogauda / A Guarda
Deseguido reproducimos textualmente a comunicación que vén de remesarnos a Agrupación Cultural Guardesa, na que se informa o seguinte:
Estimados amigos:

É unha honra para nós comunicarlles que na última asemblea da A.C.G. foi elixido D. AGUSTÍN FERREIRA LORENZO, para ser homenaxeado co gallo do Día das Letras Galegas 2009.

Agustín Ferreira naceu na Guarda o 3 de xaneiro do ano 1953. Estudou Maxisterio en Santiago e Ourense pola rama de Ciencias. Finalizados os estudios adícase ao ensino. No ano 1982 da de alta a Academia Ferreira, máis coñecida como “Os Arsenios” onde exerce coma mestre.
Foi o primeiro Secretario da A.C.G. Na mesma se encarga dun Boletín de divulgación e funda a Sección Ecolóxica da A.C.G. En 1985 funda a Asociación Naturalista “Baixo Miño”, ANABAM, da que é presidente ata a actualidade. Dende o ano 2001 é representante ecoloxista como vocal no P.N do Monte Aloia. No ano 2003 é elixido representante ecoloxista no Consello Galego de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. É unha das persoas que leva anos traballando para a creación do Museo do Mar na Guarda, para o cal xestionou a adquisición dunha colección malacolóxica.

Agustín Ferreira desenvolve unha gran actividade na divulgación e conservación da natureza. É autor de numerosos artigos, boletíns, folletos divulgativos, cadernos didácticos, monografías, e documentais; entre os que destacamos, como mostra da súa extensa obra, Atlas dos anfibios do Baixo Miño, Eurynebria complanata na costa do Baixo Miño e norte de Portugal, As cinco especies máis amenazadas do Baixo Miño, Proxecto píllara: Protexendo os niños de píllara papuda, Un bosque para unha bolboreta, Baixo Miño, a biodiversidade amenazada; Varamento de cetáceos na costa do Baixo Miño, Guía para andar por el Estuario del Miño, Routeiro didáctico pola costa guardesa...

O acto da Homenaxe será o día 29 de maio, ás 9 da noite, no Centro Cultural da Guarda.

Como ven sendo tradicional a A.C.G. entregará neste acto un pequeno libriño sobre Agustín Ferreira Lorenzo


Un afectuoso saúdo

A Guarda, 15 de maio de 2009




Asdo.: Julia Sobrino (Presidenta) - Asdo.: María Soledad Diz (Secretaria)

Ningún comentario:

Publicar un comentario