
O BNG considera que o goberno de Oia non ten un proxecto de futuro para o Concello e actúa por impulsos e sen ideas claras co único obxectivo de figurar nos medios de comunicación. A última mostra desta xeito de gobernar é que primeiro solicitan a Xunta o recoñecemento para o “Camiño Portugués” e despois meten as maquinas nas obras de saneamento financiadas polo Fondo Estatal de Inversión Local (FEIL), que discurren sobre o “Camiño Portugués” malia a receber o informe desfavorable da Comisión de Patrimonio de marzo de 2009.
No mes de xaneiro de 2009 varios concellos da zona (A Guarda, Nigrán, Baiona e Oia) xunto con 5 portugueses, solicitaran á Xunta o recoñecemento do trazado do “Camiño Portugués da Costa a Santiago”, na chamada pola prensa “Declaración de Oia”. O 6 de marzo de 2009 a Comisión Provincial de Patrimonio informa desfavorablemente, “xa que o saneamento se instalaría sobre un camiño histórico que posúe treitos empedrados e está beireado con valados, o que lle confire unha singularidade dentro do urbanismo e estrutura agraria tradicional, que se debe manter. A instalación do saneamento nesta vía suporía a desaparición dunha infraestrutura histórica de especial interese etnográfico, íntimamente vinculada ao mosteiro de Oia.".
Despois de figurar na “Declaración de Oia” e de receber o informe desfavorable da Comisión Provincial de Patrimonio, Leandro, Alcalde de Oia, decide meter as máquinas nas obras de saneamento financiadas polo Fondo Estatal de Inversión Local que discurren polo trazado que aínda está intacto do “Camiño Portugués” e que no Concello de Oia se coñece como “Estrada Vella”. O propio Alcalde é o que atenta contra un ben para o que el solicita protección e recoñecemento con anterioridade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario