Tres novas citas cos Cafés en Igualdade para seguir revolucionando mentes no Rosal
• O Concello pon en marcha unha nova edición con tres encontros para reflexionar sobre a brecha salarial, as redes de apoio e os novos modelos de feminidade nas redes sociais
Infogauda/O Rosal
O Concello do Rosal pon en marcha unha nova edición dos Cafés en Igualdade, un espazo de encontro e reflexión colectiva que regresa con tres novas citas para seguir revolucionando mentes e abrindo debates sobre os retos que afrontan as mulleres na sociedade actual.
O ciclo deste último trimestre do ano arranca o vindeiro xoves 29 de outubro cunha sesión sobre ‘A brecha salarial. Traballar toda a vida e chegar a pobre’, que contará coa participación de Fátima Rodríguez Marcos, psicóloga de Talentea RRHH. O encontro abordará as desigualdades económicas que afectan ás mulleres ao longo da súa vida laboral e as súas consecuencias, especialmente na etapa da xubilación. Será de 17.30 a 18.30 horas, no bar cafetería Nenza Xida.
O xoves 26 de novembro, o ciclo continuará no Salón de Exposicións coa charla sobre ‘As que nos sosteñen. A amizade como apoio e coidado entre mulleres’, da man da educadora social Angelina Gándara Alonso, de Angelina Gándara Socioeducación. Unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia das relacións de amizade, os vínculos afectivos e as redes de apoio mutuo no benestar das mulleres.
O ciclo pecharase o xoves 17 de decembro, nesta ocasión na Liga de Amigos, cun encontro para abordar ‘A feminidade en tempos de TikTok. Betty Friedan, tradwives e outros fenómenos contemporáneos’. As expertas en igualdade Priscila Retamozo e Cristina Louzán, de Prisma Igualdade, analizarán os discursos e modelos de feminidade que circulan nas redes sociais, así como a súa relación cos roles tradicionais de xénero e os debates feministas actuais.
Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

Ningún comentario:
Publicar un comentario