14 de set. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Os tres equipos da base do Atlético Guardés loitarán por unha praza na Liga Ouro 

As infantís, cadetes e xuvenís do club baixomiñoto remataron sendas fases de clasificación á cabeza e loitarán agora na eliminatoria por unha praza na máxima competición autonómica de cada categoría 

As eliminatorias infantil e xuvenil serán a fin de semana do 25 de setembro, mentres as cadetes competirán a partir do 2 de outubro 


Equipo cadete feminino do Club Balonmán Atlético Guardés
Equipo infantil feminino do Club Balonmán Atlético Guardés
Equipo xuvenil feminino do Club Balonmán Atlético Guardés
Fotos: CBAG

Redacción Deportes/A Guarda

 A base do Club Balonmán Atlético Guardés comeza a tempada con bo pé. Finalizada a fase de clasificación que inicio o curso, os tres equipos baixomiñotos infantil, cadete e xuvenil remataron cadansúas competicións nas primeiras posicións e obtiveron acceso, así, as eliminatorias de ascenso por unha praza na Liga Ouro de cada categoría.  

 O pleno de vitorias da pasada fin de semana certificaba este primeiro logro das xuventudes guardesas. O sábado, en primeiro lugar, o pavillón da Sangriña acollía un triunfo de carácter das cadetes ante o Balonmano Abegondo (28-22), uníndose a outra traballada vitoria dúas semanas atrás ante o Sanxenxo Balonmán Dislausa (31-36). Ambos resultados positivos permitiron ás de Pablo Bresas e José Ignacio Prades compensar a derrota da primeira xornada desta fase de clasificación ante o Línea 21 (34-39), para rematar a competición no segundo posto do grupo C e facerse así un oco na eliminatoria de ascenso. A loita por esa praza na Liga Ouro, máxima categoría autonómica, será para as cadetes previsiblemente na fin de semana do 2, 3 e 4 de outubro, con sede aínda por determinar no sorteo realizado pola Federación Galega de Balonmán. 

 A primeira quenda do domingo foi para as xuvenís, que venceron no Pablo Herbello ao Mareiras de Bueu (24-34) para acabar invictas a súa fase de clasificación de dúas xornadas, nas que xa empatara contar o Balonmano Porriño (22-22). Así, as maiores da base guardesa coroábanse líderes do grupo E e coma tales poderán solicitar acoller a súa eliminatoria de ascenso na Sangriña, prevista para a fin de semana do 25, 26 e 27 de setembro, aínda que con detalles sen confirmar. 

 Minutos despois das infantís de María Doiro facían o propio e pechaban a competición con pleno de triunfos na casa do Abegondo (26-31), tendo superado con anterioridade tamén ao Reconquista de Vigo A (16-32) e ao Sar Rodavigo (26-22). Tamén líderes do grupo C da súa categoría, o Club poderá propoñerse como sede para a eliminatoria que compartirá datas co xuvenil dentro de dúas fins de semana. 

 Este triplo logro trátase do primeiro paso dunha base baixomiñota que inicia do mellor xeito posible a súa nova etapa, supoñendo a primeira tarefa cumprida do novo coordinador, José Ignacio Prades. O seguinte paso, non faltar á cita e certificar as respectivas prazas en Ouro no que suporía o sétimo ano consecutivo de ascenso ás máximas categorías para os tres equipos.  

José Ignacio Prades: “É un ano un pouco complexo, pero as rapazas están a traballar moi ben e imos seguir nesa liña de mellora” 

 Para o coordinador da base baixomiñota, José Ignacio Prades, con esta clasificación “cumpriuse o obxectivo máis básico”, aínda que non por iso o máis sinxelo. Pasar esta primeira proba era fundamental, para que a mocidade do Atlético Guardés botase a andar e superase “o complicado que é, ás veces, comezar un novo ciclo e adaptarse a cambios no xeito de traballar, con adestradores e grupos novos...”. 

 O de Petrer explica que esta tempada supón “un ano un pouco complexo por todo o que rodea á base”, que perdeu unha masa de xogadoras importante con respecto ao curso pasado, pero o cal as súas están a sacar diante con total enteireza. “A verdade é que as rapazas están a traballar moi ben, pouco a pouco imos collendo forza e van entendendo de que xeito queremos traballar”, detalla, expresando a súa ledicia por este primeiro logro. Agora falta, nas súas palabras, “o máis complicado”, afrontar esas eliminatorias por unha praza na Liga Ouro de cada unha das tres categorías, pero que farán coa intención de “seguir nesa liña de traballo e de mellora” que tan ben vén funcionando.  

AXENDA 

Infantil Femenino | Eliminatoria de ascenso | Rivales por determinar | Venres 25, sábado 26 e domingo 27 de setembro | Horarios e sede por determinar 

Xuvenil Femenino | Eliminatoria de ascenso | Rivales por determinar | Venres 25, sábado 26 e domingo 27 de setembro | Horarios e sede por determinar 

Cadete Femenino | Eliminatoria de ascenso | Rivales por determinar | Venres 2, sábado 3 e domingo 4 de outubro | Horarios e sede por determinar

Ningún comentario:

Publicar un comentario