O BNG da Guarda cualifica de "desastre" uns orzamentos que só estarán en vigor dous meses
Anxo Lois Baz Vicente (BNG): “As contas do PP de Carrero son o reflexo deste goberno: chegan tarde, carecen de proxectos e ocultan información á veciñanza”
Infogauda/A Guarda
“Os orzamentos son a guía económica pola que se debe rexer calquera administración durante todo un ano. Porén, a decisión do Goberno local da Guarda de presentar as contas a finais de setembro —e tendo en conta os prazos legais de exposición pública e alegacións antes da súa entrada en vigor— limitará a súa vixencia, no mellor dos casos, a apenas dous meses”, afirman desde o grupo municipal do BNG da Guarda.
O seu portavoz municipal, Anxo Lois Baz Vicente, amosouse contundente ante esta situación: “Os orzamentos do PP de Carrero son o reflexo deste goberno: chegan tarde e carecen de proxectos. Un executivo minimamente responsábel tería que estar traballando xa nas contas de 2027 para poñer en marcha as actuacións que A Guarda precisa o próximo ano”.
Para o voceiro nacionalista, esta é “outra mostra máis da incapacidade do PP de Carrero e Fariñas, un goberno sen proxecto de ningún tipo que, cando debería estar pensando en aprobar o orzamento do vindeiro ano, leva a pleno o de 2026. Estamos diante do goberno máis desastroso dos que se recordan na Guarda”, engadiu Baz.
Falta de transparencia nos investimentos
O BNG tamén afeou “a falta de transparencia nas contas presentadas”. Segundo denuncia a formación, “o capítulo de investimentos inclúe partidas xenéricas que ocultan o destino real dos fondos públicos e non aclaran se eses cartos xa foron gastados”.
“A veciñanza da Guarda ten dereito a saber en que se invisten os seus impostos. Non merece este desprezo nin a opacidade que exerce o alcalde e o seu equipo de goberno”, concluíu Anxo Lois Baz.

Ningún comentario:
Publicar un comentario