3 de xul. de 2026

VIGO

A CIG-Servizos convoca unha protesta para forzar a Supermercados DIA a asumir os salarios fixados no convenio provincial do sector 

• A concentración terá lugar diante do establecemento da avenida de Samil de Vigo o martes 7 de xullo ás 11:30 horas 


Supermercado Día
Foto: CIG

Infogauda/Vigo  

 A CIG-Servizos desenvolverá unha concentración o martes 7 de xullo diante do supermercado DIA da avenida de Samil, en Vigo, para forzar a empresa a asumir os salarios fixados no convenio do sector de alimentación da provincia de Pontevedra. A protesta celebrarase un día antes de que teñan lugar os xuízos nos que catro persoas traballadoras reclamarán as contías que lles corresponden. 

 Segundo explican dende a central sindical, en novembro do ano pasado a Inspección de Traballo resolveu positivamente unha denuncia da CIG e obrigou a empresa a pagar polo convenio provincial de Pontevedra. A autoridade laboral constatou unha infracción moi grave por remunerar por debaixo do establecido e abriu liquidación de cotas á Seguridade Social por 120.000 euros. 

 A denuncia diante da Inspección baseouse na modificación do artigo 84 do Estatuto das Persoas Traballadoras en 2021, pola que desapareceu a prioridade aplicativa en materia salarial que anteriormente tiña o convenio de empresa con respecto ao de sector. Tendo en conta este novo marco normativo, a central sindical considerou urxente que se producise este recoñecemento por parte da autoridade laboral, “polo que consideramos moi importante o recolle a acción inspectora, dado que esta situación afecta a 53 persoas traballadoras na empresa con diferenzas de 100 até 350 euros”. 

 A CIG-Servizos lamenta que agora se tivera que chegar aos procedementos xudiciais ante a negativa da empresa a abrir unha mesa de negociación para aplicar o artigo 84 do Estatuto das Persoas Traballadoras, asegurando incluso a dirección que non vai aplicar a acta da autoridade laboral até que non estea obrigada por resolución xudicial.  

 Ao tempo que anuncia a convocatoria dunha concentración diante do DIA da avenida de Samil número 79, en Vigo, o vindeiro martes 7 de xullo ás 11:30 horas, mobilización que terá lugar un día antes de que se celebren os catro procedementos xudiciais de reclamación de contías que catro traballadoras da empresa teñen programado no Xulgado número 2. Trátase dos primeiros procedementos derivados da resolución da Inspección de Traballo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario