A CIG-Industria rexeita a pretensión da patronal do automóbil de premiar a deslocalización
• Dende a central sindical instan a Xunta e o empresariado galego a defender o mantemento da industria e do emprego en Galiza
Infogauda/Galiza
A federación de Industria da CIG rexeita a recente proposta da patronal europea do automóbil (ACEA) de darlle aos vehículos fabricados fora da Unión Europea o mesmo tratamento que aos fabricados en Europa. En concreto, que as fábricas de Marrocos, Turquía e Reino Unido poidan ter o mesmo tratamento que as fábricas locais, e mesmo que poidan acceder a axudas públicas para as empresas automobilísticas. Fronte a isto, a central sindical insta a Xunta e o empresariado galego a defender o mantemento da industria e do emprego en Galiza.
“Basta xa de antepoñer os intereses do capital fronte ás persoas traballadoras. Levamos anos sufrindo a deslocalización de empresas cara a países con maiores beneficios fiscais ou menores custes salariais, o que ten suposto perda de postos de traballo en Galiza e precarización laboral; a gran beneficiada deste proceso é a industria do automóbil, que incrementa beneficios a base de producir en lugares onde os dereitos laborais e as condicións de traballo son peores”, denuncia o secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde. Por iso censura que agora as empresas pretendan “dar unha volta máis de torca” para beneficiarse de incentivos aínda producindo fóra. “Levamos anos dicindo que este modelo precariza e destrúe emprego en Galiza, produce o peche de empresas auxiliares -de capital galego- que entendemos deberan ser defendidas pola patronal galega”.
Na CIG-Industria entenden que se os gobernos (europeo, estatal ou autonómico) ceden a esta “chantaxe” estarán poñendo unha vez máis os intereses do capital por diante dos cidadáns. “Non entendemos como as patronais e os gobernos que alardean da marca España e do seu patriotismo poden calar e mesmo apoiar este tipo de pretensións. Os primeiros que terían opoñerse -e así esperamos que se faga- son as patronais española e galega”.
Conde lembra que dende hai anos as empresas están sendo subvencionadas mentres deslocalizan as súas plantas e destrúen emprego, polo que dende a central sindical esixen unha vez máis que as subvencións e os incentivos sexan empregados para o fortalecemento do tecido empresarial galego e para a creación de postos de traballo de calidade.
“A industria do automóbil é un sector estratéxico para Galiza, que soporta miles de postos de traballo directos e indirectos. Nestes momentos está a sufrir un proceso de transformación derivado da descarbonización e da deslocalización, polo que temos demandado da Xunta a elaboración dun plan industrial para a automoción que sexa máis que subvencións incondicionais para unhas empresas que actúan sen planificación nin garantía de futuro da actividade e dos postos de traballo”.
Política industrial ao servizo do país
Fronte a todo isto, a CIG demanda da patronal galega no seu conxunto “que non cale e manifeste publicamente e con rotundidade a súa oposición a esta proposta” e esixe da Xunta “que non sexa espectadora e que abandone o recurso de deixar todo en mans do mercado”. Neste senso, lembran que o Goberno galego ten a obriga de poñer por diante os intereses dos galegos e das galegas, “e esta proposta é claramente contraria a estes intereses, mesmo aos das empresas auxiliares de capital galego”.
E reclaman, unha vez máis, a elaboración dun plan industrial para a automoción “que sexa máis que un cheque sen condicións para as empresas” e que se entenda a urxencia de acometelo cara a transición ao vehículo eléctrico. “A Xunta non pode perder esta oportunidade para posicionarse con claridade na defensa dos intereses das persoas traballadoras galegas. Non chega con repartir subvencións nin con acompañar os anuncios das empresas. É necesario liderar unha política industrial propia que garanta novos proxectos industriais, a implantación da cadea de valor do vehículo eléctrico en Galiza, a participación da industria auxiliar galega e a creación de emprego estábel e con dereitos”.
Na central sindical apelan á necesidade dunha política industrial ao servizo do país e non do capital, “que defenda o emprego nun sector estratéxico para o país e que serva como reforzo do tecido empresarial”. Polo que esixen que se deixe de financiar con cartos públicos as deslocalizacións e se free a destrución e precarización do emprego en Galiza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario