O Concello mellora as instalacións deportivas de Tomiño con dous novos vestiarios no campo do Alivio
• Esta actuación responde ás necesidades actuais das persoas usuarias e do campo, que acolle un alto volume de actividade
• O Concello captou 290.000 euros de fondos provinciais para o financiamento das obras
Infogauda/Tomiño
Tomiño non detén a súa aposta por un deporte local con instalacións modernas, accesibles e de calidade. O Concello comezou as obras de construción de dous novos vestiarios no campo de fútbol do Alivio, unha actuación que suporá unha importante mellora das instalacións municipais adaptada ás necesidades reais actuais tanto do campo como de clubs, deportistas, árbitros e persoas usuarias que cada semana fan vida nel.
Ata agora, o campo do Alivio contaba con dous vestiarios, unha dotación que quedara insuficiente polo volume de actividade existente e pola presenza de equipos masculinos e femininos, polo que era necesario dispoñer de máis espazos para facilitar a organización e a convivencia. O novo edificio resolverá esta situación con catro vestiarios en total: dous destinados aos equipos e dous para árbitros, todos adaptados ás condicións actuais de accesibilidade e funcionalidade.
Os traballos inclúen a preparación da parcela, o movemento de terras, a escavación e cimentación, a construción do novo edificio que albergará os vestiarios e a adecuación da contorna para aparcamentos. Cun investimento aproximado de 290.000 euros, o Concello captou fondos do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra e do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o seu financiamento.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o esforzo na captación de fondos “para que Tomiño conte con infraestruturas modernas, seguras e inclusivas, que fomenten o deporte e a vida activa en igualdade de condicións. Esta é unha actuación moi necesaria, que responde a unha demanda histórica dos clubs e dos usuarios e usuarias e que suporá unha mellora substancial nas condicións de uso e accesibilidade das instalacións”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rubén García, subliñou a importancia de contar con instalacións “á altura da actividade que se desenvolve. Este novos vestiarios supoñen un salto cualitativo no campo do Alivio, que pasará a ter catro vestiarios como no resto de campos e gañará espazo suficiente para compatibilizar a actividade dos equipos femininos cos masculinos. É fundamental seguir apostando por mellorar todos aqueles espazos que fan posible o desfrute do deporte, que máis alá de saúde é convivencia e participación”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario