26 de xuño de 2026

VIGO

Folga indefinida en BorgWarner contra os incumprimentos de convenio e a vulneración do dereito de información ao comité 

•  O cadro de persoal da empresa de automoción con centros de traballo en Vigo, Nigrán e O Porriño desenvolveu hoxe unha concentración

 

Concentración de persoas do cadro de persoal de BorgWarner diante dun dos centros de traballo
Foto:CIG

Infogauda/Vigo

 O cadro de persoal de BorgWarner vai a unha  folga indefinida "fartos dos incumprimentos do convenio colectivo e pola vulneración do dereito a información e consulta da Representación legal das persoas traballadoras". 

 O comité de empresa formado por 21 integrantes ( CIG 10, UGT 6, CGT 2, USO 2 e CCOO 1) convoca folga indefinida o 1 de xullo. 

 "A dirección de BorgWarner (BW) leva dende fai 10 meses incumprindo sistematicamente varios aspectos do convenio colectivo, chegando ata incumprir os acordos de mediación do AGA (derivados das 2 folgas en outubro do 2025 e marzo do 2026).  

 Dende este tempo estase a dar unha situación nunca vista en BorgWarner, a deriva e desprezo total desta dirección de BorgWarner pola normativa laboral, non ten límites, chegando a vulnerar o dereito a información e consulta dos representantes das persoas traballadoras, como é o caso, do traslado de até 180 persoas traballadoras do centro tecnolóxico de Zamáns ao novo centro de traballo en Porto do Molle (Nigrán)". 

 "O novo centro creado contou cunha subvención de 5 millóns de euros do erario público, publicándose nos xornais a creación de novos postos de traballos indefinidos, a dia de hoxe non hai nada diso, tódalas persoas que van traballar nese novo centro de traballo posúen contrato indefinido con BorgWarner dende fai bastantes meses e anos!!!, non contemplando a creación de novos postos de traballo indefinido", indican fontes dinicais. 

 "Outros puntos de incumprimento do convenio colectivo son: o dereito das vacación para o persoal eventual, a pesares de ter un calendario laboral asinado dende decembro, incumprindo o prazo de publicación do desfrute das mesmas nos tempos marcados polo convenio colectivo, isto é a primeira vez que acontece na historia desta fábrica e ten moito que ver coa xestión e desprezo coa que actúa a dirección". 

 Incumpríndose a obriga do acceso ao rexistro diario de xornada, a pesar do acordado no convenio e mediacións do AGA. Negándose ao mesmo tempo a aplicar o procedemento interno  de reclamacións de categorías ou absorber conceptos salariais pactados, complementos de posto, etc.. cando se promociona a categoría superior, incumprindo o acordado na mediación do AGA. 

 "En canto os permisos de libre disposición a actuación por parte de BW é moi grave,  o rexeitar  sistematicamente os días de asuntos propios e de non absentismo, cando o único que se require é avisar previamente mediante formulario por escrito con sete días de antelación. 

 Esta folga indefinida é a resposta clara e rotunda do cadro de persoal, fronte unha dirección que leva meses desprezando os acordos, a legalidade e os dereitos das persoas traballadoras de BorgWarner. 

 Dende o Comité de Empresa facemos un chamamento á unidade de todo o cadro de persoal, na defensa dos dereitos adquiridos, que pretenden usurparnos logo do esforzo realizado conxuntamente durante anos, pola súa avaricia e desprezo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario