O PSdeG-PSOE do Porriño propón iniciar a planificación dunha piscina municipal pública ao aire libre
Infogauda/O Porriño
O Grupo Municipal Socialista defenderá no próximo pleno unha moción para impulsar a redacción do anteproxecto dunha piscina municipal pública ao aire libre, unha iniciativa que xa formaba parte do programa electoral co que o PSdeG-PSOE concorreu ás eleccións municipais de 2023 e que responde a unha necesidade real do municipio.
Esta proposta non solicita a execución inmediata da obra, senón un primeiro paso imprescindible: definir a mellor localización, realizar unha estimación económica e estudar as posibles vías de financiamento para que O Porriño poida contar no futuro cunha infraestrutura pública da que xa dispoñen moitos concellos da contorna. Nun contexto no que os veráns son cada vez máis calorosos, unha piscina pública ao aire libre representa un investimento en saúde, benestar, conciliación familiar e calidade de vida.
Ao mesmo tempo, permitiría que moitas familias non teñan que desprazarse a outros municipios para desfrutar dunha xornada de lecer, favorecendo tamén o comercio e a hostalaría local. A única piscina ao aire libre existente no Porriño pertence ao Centro Recreativo Cultural (CRC), pero nin toda a veciñanza pode permitirse pagar unha cuota mensual, nin conta con tanto aforo para as necesidades de un municipio coma o noso."O Porriño non pode seguir sendo unha excepción. Con máis de 20.000 habitantes, é momento de empezar a planificar unha infraestrutura útil, moderna e pensada para as próximas xeracións", afirmou David Alonso Bargiela, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de O Porriño.
Desde o Grupo Socialista fan un chamamento á responsabilidade de todos os grupos municipais para apoiar unha proposta que nace desde o sentido común e o interese xeral. "As boas ideas non teñen propietario. Non son de esquerdas nin de dereitas. Son dos veciños e veciñas do Porriño. Cando unha proposta mellora a vida das familias, o responsable é apoiala", indicou Alonso Bargiela.
O PSdeG-PSOE confía en que o pleno sexa capaz de dar este primeiro paso para que O Porriño avance cara a un municipio máis preparado, máis habitable e con mellores servizos públicos para toda a cidadanía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario