24 de xuño de 2026

TURISMO

A Xunta promove o Xacobeo 2027 entre os italianos, que no que vai de ano incrementaron nun 42% a súa presenza no Camiño de Santiago 

O comisario do Xacobeo 2027 mantivo reunións de traballo cos responsables institucionais da rexión de Campania e participou na presentación do film ‘El buen Camino’ no Festival de Cine Español e Latinoamericano


O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantivo este mércores unha axenda de traballo en Nápoles
Foto: XdeG

Infogauda/Galicia

 O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantivo este mércores unha axenda de traballo en Nápoles durante a que se reuniu con responsables institucionais do ámbito turístico da rexión de Campania e participou na presentación da película El Buen Camino no Festival de Cine Español e Latinoamericano de Nápoles.  

 Durante a rolda de encontros e actos, o comisario do Xacobeo 2027 explicou ante o mercado italiano os preparativos para a celebración o vindeiro ano do Xacobeo 2027 e aproveitou para convidar a visitar Galicia a autoridades e asistentes partindo de que o italiano é un dos mercados máis relevantes tanto para o turismo galego como para o fenómeno xacobeo. No que vai deste 2026, case 13.000 peregrinos italianos percorreron o Camiño de Santiago, o que se traduce nun crecemento do 42% con respecto ao mesmo período de 2025.  

 Marcos Gómez Román destacou a importancia estratéxica destes turistas para Galicia e para os Camiños de Santiago, ao tratarse dun dos países con maior tradición xacobea e cunha afinidade natural cara aos valores culturais, patrimoniais e espirituais que representa o destino Galicia.  

 "Italia é un socio natural para a nosa comunidade. Compartimos unha profunda herdanza cultural europea, unha forte tradición vinculada ás peregrinacións e unha maneira de entender a viaxe baseada na autenticidade, na cultura e no contacto co territorio", sinalou.  

 O comisario puxo en valor a oportunidade que representa o Xacobeo 2027 para reforzar os vínculos entre Galicia e Italia, así como para seguir consolidando o posicionamento internacional do destino. Así, salientou que a Xunta está a traballar na configuración dun programa de eventos diverso e variado que será un claro expoñente na promoción internacional do destino. “Queremos definir unha programación cultural atractiva para todos, que chegue a todo el mundo e que convide a vir a Galicia a todo el mundo”, sinalou.  

 Referíndose ao mercado italiano, lembrou que máis de 26.000 peregrinos italianos chegaron a Santiago de Compostela o pasado ano e que este continúa sendo un dos máis relevantes tanto para o turismo galego como para a cultura xacobea.  

 "O Xacobeo 2027 non é só unha celebración relixiosa ou cultural. É unha oportunidade para descubrir unha Galicia diversa, sostible e acolledora, cunha oferta que vai moito máis alá do propio Camiño e que inclúe gastronomía, patrimonio, natureza, termalismo e experiencias singulares durante todo o ano", afirmou.”  

 Na presentación do destino, o responsable do Xacobeo incidiu especialmente no potencial de produtos turísticos que conectan cos intereses do viaxeiro italiano, como as rutas xacobeas, as escapadas urbanas, o turismo enogastronómico, o termalismo, o cicloturismo ou as propostas de natureza e interior.  

 Segundo explicou, Galicia está a impulsar unha estratexia baseada na sustentabilidade, na desestacionalización e na distribución equilibrada dos fluxos turísticos, promovendo itinerarios por todo o territorio e favorecendo unha mellor experiencia para os visitantes.  

 "Queremos que quen chegue a Galicia para facer o Camiño descubra tamén outros territorios e experiencias. O noso obxectivo é que o Camiño sexa unha porta de entrada para coñecer a riqueza cultural, paisaxística e gastronómica do conxunto de Galicia", destacou.  

Colaboración con Campania 

 A visita institucional a Nápoles serviu tamén para avanzar na colaboración con Campania en ámbitos relacionados coa promoción turística, o patrimonio cultural e os intercambios vinculados ás rutas de peregrinación europeas. Nunha reunión mantida co conselleiro de Turismo da Rexión de Campania, Vincenzo Maraio, que estivo acompañado pola directora xeral de Políticas Culturais e Turismo, Rosanna Romano, e o conselleiro de Turismo da Embaixada de España en Roma, Gonzalo Ceballos, Marcos Gómez Román amosou a vontade de colaboración do Goberno galego para seguir estendendo a colaboración entre administracións e territorios sobre a base da tradición e cultura xacobea.  

 Finalmente, o comisario valorou a presentación da película El Buen Camino no Festival de Cine Español e Latinoamericano de Nápoles como unha oportunidade para achegar ao público italiano os valores universais do Camiño de Santiago.  

 "O cine é unha ferramenta extraordinaria para transmitir emocións e para explicar o que significa o Camiño. Cada peregrino vive unha experiencia única, pero todos comparten unha transformación persoal que transcende fronteiras e culturas. Esa dimensión humana é tamén a esencia do Xacobeo 2027", concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario