26 de xuño de 2026

TUI

O PP DE TUI DENUNCIA A INEFICACIA E O DESPILFARRO DAS CÁMARAS DE VIDEOVIXILANCIA DO ESTACIONAMENTO DO CENTRO E LAMENTA QUE SIGA AGRAVÁNDOSE O PROBLEMA DO APARCAMENTO 

• Os populares revelan que seguen a chegar facturas do servizo tras un gasto inicial de preto de 110.000 euros, pero o sistema non funciona posto que a Policía Local non impón multas catro meses despois 

• “Dixemos que sería unha solución custosa e que non servería, ademais do rexeitamento social que xera, polo que insistimos na súa reversión para apostar por unha zona azul gratuíta”, apostillou Nico Montes 


Nico Montes, concelleiro portavoz do Grupo municipal do Partido Popular de Tui
Foto: GMPP

Infogauda/Tui

 O grupo municipal do PP de Tui vén de denunciar a total ineficacia e o despilfarro continuado do sistema de cámaras de videovixilancia para controlar a rotación do estacionamento en 50 prazas do centro urbano e lamenta que o goberno de Enrique Cabaleiro se obceque nestes experimentos mentres segue a agravarse o problema do aparcamento na cidade. 

 Os populares revelaron que, tras catro meses desde a implantación das cámaras o pasado mes de febreiro, seguen a chegar facturas destes dispositivos por uns 20.000 euros tras un gasto inicial de 107.911 euros, pero o sistema segue sen funcionar nin cumpre a súa función de garantir a rotación das prazas posto que a Policía Local non está a impoñer sancións. 

 Desde o PP tudense lembraron ademais que este sistema de control ten interposto un recurso contencioso-administrativo cursado polo voceiro municipal, Nico Montes, que cumpríu o seu compromiso de loitar pola súa revogación ante a demanda de numerosos veciños e comerciantes. 

 “Dixemos que sería unha solución moi custosa e o estamos vendo con facturas que non paran de chegar, e ademais alertamos de que non serviría e que causaría un malestar social polo rexeitamento cidadá a esta operativa de videovixilancia”, manifestou o concelleiro popular, que insistíu “na súa reversión inmediata e a implantación dun sistema máis cómodo, sinxelo e barato como é a zona azul gratuíta, que garante a rotación e beneficia ao comercio”. 

 Nico Montes calificou esta medida como “unha nova ocorrencia” do executivo de Enrique Cabaleiro para afrontar “a súa desesperación pola falta de solucións efectivas” ante a escasez de prazas de aparcamento, que é a principal demanda dos tudenses. 

 Neste senso, lembrou que o goberno socialista leva desde o ano 2015 “dando paus de cego” con esta cuestión e lamentou que este mandato está a ser especialmente problemático nesta cuestión tras o fallido proxecto para a construción dun parquin público, o pago de 200.000 euros de indemnización á adxudicataria pola rescisión do contrato que podería verse aumentados polo seu recurso e, a maiores, coa parcela para esta actuación no centro de Tui totalmente abandonada e sen unha solución a curto prazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario