22 de xuño de 2026

TOMIÑO

Tomiño dá a benvida ao verán con tres días de actividades para toda a familia en Goián  

•  Inchables gratuítos, unha festa temática pola volta ao mundo e un concerto participativo con instrumentos insólitos enchen o Espazo Fortaleza e a praza Pintor Antonio Fernández, do venres 26 ao domingo 28 de xuño 

 


Infogauda/Tomiño 

 Tomiño dá a benvida ao verán e a toda a programación estival con tres días de actividades deseñadas para desfrutar en familia, con Goián como escenario central e sen ter que mirar o peto nin apuntarse a nada con antelación. 

 A programación comezará o venres 26 de xuño, enchendo o Espazo Fortaleza de de inchables de 17 a 20 horas nunha xornada de balde, sen inscrición previa e sen límite de prazas. Unha benvida á estación estival tan sinxela como efectiva: aire, risas e familia. 

 O sábado 27 de xuño, o mesmo espazo acolle A volta á Fortaleza en 180 minutos, unha festa temática que converte o Espazo Fortaleza nun percorrido de aventuras con diferentes paradas de xogos e obradoiros para todos os públicos ambientados en ‘A volta ao mundo en 80 días’, tamén de 17 a 20 horas. 

 O broche de ouro chegará o domingo 28 de xuño cun dos espectáculos máis sorprendentes da programación: Tubos do Mundo, do artista Xavi Lozano, un concerto participativo onde vasoiras, escaleiras e barreiras de obra se converten en instrumentos musicais. A cita é ás 19.30 horas na praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, e promete deixar ao público coa boca aberta e as mans aplaudindo. 

 Toda a programación é de acceso libre e gratuíto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario