Galicia Suroeste conecta turismo, produto local e empresas co lanzamento do seu Club de produto
• Máis de 70 persoas participaron no acto de presentación desta nova ferramenta de cooperación, que abre agora o seu proceso de adhesión para as empresas do territorio
• A presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González fixo balance da execución do PSTD A Despensa de Galicia que remata nos vindeiros días, e do seu impacto na consolidación do Xeodestino
Eva Gil/Tomiño
O Club de produto Galicia Suroeste iniciou oficialmente a súa andadura o pasado venres cun acto de presentación celebrado nos Viñedos Altos de Torona, en Tomiño. O encontro reuniu a máis de 70 asistentes, entre representantes institucionais, empresas e axentes vinculados ao turismo, á produción local e á actividade económica do territorio.
A xornada, que contou coa presenza de alcaldesas, alcaldes e concelleiras dos concellos que integran Galicia Suroeste, tivo como convidado a Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e serviu tamén para facer balance do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia” e do seu impacto na consolidación do xeodestino.
A alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, Sandra González, puxo o foco na importancia de dar continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos a través dunha ferramenta estable de cooperación co sector. “O Club só terá sentido se as empresas o senten como propio. As administracións podemos poñer en valor o destino, pero o produto turístico constrúese co tecido empresarial”, sinalou. A alcaldesa destacou tamén que Galicia Suroeste conta con “recursos, produto, paisaxe, patrimonio e empresas con capacidade”, e incidiu en que o reto pasa agora por “sumar todo iso nun relato común e nunha oferta máis forte”.
O acto serviu para presentar as principais claves do Club de produto, o seu regulamento, o modelo de funcionamento, os requisitos de pertenza e o procedemento que deberán seguir as empresas interesadas en adherirse. Esta nova ferramenta nace como un instrumento de cooperación territorial orientado a coordinar, visibilizar e integrar iniciativas baixo unha visión común de sostibilidade, autenticidade e identidade local.
O Club está aberto á adhesión voluntaria de entidades pertencentes a nove tipoloxías: aloxamentos, restauración, axencias de viaxe, guías de turismo, actividades turísticas complementarias, industrias agroalimentarias, viveiros, artesanía e tendas especializadas. Todas elas deberán cumprir unha serie de requisitos comúns, específicos e avaliables, concibidos para garantir a coherencia da oferta, o vínculo co territorio e a calidade da experiencia turística.
A xornada serviu tamén como punto de encontro para as máis de 30 empresas que se deron cita nos Viñedos Altos de Torona, que participaron nunha dinámica de traballo en rede orientada a favorecer o contacto directo entre profesionais do territorio. A través de reunións breves e nun formato próximo e informal, as entidades asistentes puideron coñecerse, identificar posibles sinerxías e explorar novas oportunidades de colaboración. Esta boa acollida reforza precisamente unha das razóns de ser do Club de produto: facilitar que empresas de diferentes ámbitos traballen xuntas na creación dunha oferta turística máis integrada, diversa e conectada coa identidade de Galicia Suroeste.
As entidades interesadas en sumarse ao Club de produto xa poden consultar toda a información na páxina web https://clubdeproduto.galiciasuroeste.gal/, onde están dispoñibles o regulamento e os formularios de adhesión.
O Club de produto Galicia Suroeste enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario