A Deputación pide máxima alerta fronte ao mildio ante a aparición de novos síntomas e a persistencia de condicións favorables para o seu desenvolvemento
• O persoal técnico do Areeiro sinala que o peche do acio xa é o estado dominante nas viñas e insiste na importancia de manter a vixilancia fronte ao oídio e á flavescencia dourada
Infogauda/Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, recomenda manter o máximo nivel de alerta nas viñas da provincia ante a aparición de novos síntomas de mildio e a persistencia dunhas condicións meteorolóxicas favorables ao desenvolvemento deste fungo. As altas temperaturas e a humidade derivada da nebulosidade e das néboas rexistradas nos últimos días favoreceron un novo avance da fenoloxía da vide, de xeito que o peche do acio xa é o estado dominante na maioría das variedades. Ademais, nalgunhas variedades tintas moi temperás xa se observan os primeiros grans iniciando o pintado.
As condicións climatolóxicas dos últimos días, caracterizadas por temperaturas elevadas e unha humidade relativa moi alta, favoreceron o desenvolvemento do patóxeno e a aparición puntual de novas manchas de aceite, mesmo nalgunhas parcelas que se atopaban aínda dentro do período teórico de protección do último tratamento. O persoal técnico do Areeiro detectou tamén algún brote afectado e algúns acios con síntomas de mildio larvado, unha situación da que tamén informaron viticultores e técnicos doutras zonas vitícolas, incluída a Ribeira Sacra. Estes síntomas están asociados, en xeral, a infeccións antigas que non chegaron a controlarse completamente durante a floración ou a formación inicial do froito. Ante as previsións meteorolóxicas para os próximos días, a Deputación recomenda intensificar a vixilancia das parcelas e renovar os tratamentos unicamente no caso de que aparezan novos síntomas.
O persoal técnico lembra tamén a importancia de realizar as aplicacións fitosanitarias de maneira responsable, e nunca cando a velocidade do vento supera os 11 km /h. O cumprimento desta limitación é esencial para garantir que o produto quede exclusivamente na superficie que se pretende tratar, protexendo así tanto o medio ambiente como a saúde da poboación.
Por outra banda, as condicións meteorolóxicas desta semana tamén foron moi favorables para o desenvolvemento do oídio, debido á elevada humidade e á menor luminosidade provocada polas néboas e a nebulosidade. Non obstante, nas revisións realizadas apenas se detectaron novos síntomas, limitados a un acio illado e a algunhas plantas testemuña. A partir do peche do acio, a sensibilidade da uva fronte ao fungo diminúe, aínda que os danos poden seguir producíndose ata o inicio do pintado. Os modelos de predición seguen indicando un risco medio-alto ou alto, polo que a Deputación insiste na necesidade de manter a vixilancia, especialmente nas parcelas e variedades con antecedentes de danos por esta enfermidade.
No relativo ao black rot, os síntomas continúan sendo moi esporádicos e limitados principalmente ás follas, polo que todo apunta a que a enfermidade non está a xerar problemas significativos nesta campaña. Os modelos de predición sitúan o risco entre baixo e medio-baixo, aínda que a Deputación lembra que as precipitacións favorecen o desenvolvemento do fungo e, polo tanto, non debe abandonarse a vixilancia.
En canto ás avelaíñas do acio, esta semana rexistráronse capturas de Lobesia botrana en parcelas de todas as comarcas, aínda que con cifras moderadas. O dato máis destacado foi a captura de 35 machos de Eupoecilia ambiguella nunha trampa situada en Sanxenxo. En todo caso, non se detectaron síntomas nas uvas nin danos larvarios, polo que polo momento non se considera necesaria ningunha intervención.
A Deputación lembra que continúa aberto o período para realizar o primeiro tratamento obrigatorio contra Scaphoideus titanus, o insecto vector da flavescencia dourada, nas zonas demarcadas e recomendado nas zonas vitícolas limítrofes. Aínda que non se detectaron adultos nas trampas e as poboacións de ninfas parecen ser reducidas, o persoal técnico insiste na importancia de aplicar correctamente os tratamentos. Ademais, volve facer un chamamento para extremar as precaucións nos desprazamentos entre comarcas co fin de evitar a dispersión accidental do vector, así como para identificar e eliminar o antes posible aquelas cepas que presenten varios síntomas compatibles coa flavescencia dourada.
Ácaros, buxo e árbores de ribeira
A Deputación alerta tamén do incremento das poboacións de ácaros, especialmente da erinose, cuxos síntomas están presentes en practicamente todas as comarcas e en case todos os predios. Nalgúns casos, os danos xa son visibles incluso na cara superior das follas. No caso da acariose, detectáronse xa síntomas de cor pardo-bronceada nalgunhas parcelas con solos pobres e sen estrutura, polo que será preciso actuar para evitar danos sobre a masa foliar. Por outra banda, no buxo observouse a aparición de novos danos provocados polas eirugas da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis), polo que se recomenda incrementar a vixilancia para evitar defoliacións.
Finalmente, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro informa de que a aparente seca observada estes días en salgueiros das ribeiras da provincia non se debe á morte das árbores, senón á acción de diferentes especies de coleópteros defoliantes que provocan necroses nas follas e lles confiren ese aspecto de decaemento.

Ningún comentario:
Publicar un comentario