O PSOE de Oia denuncia que o PP rexeite defender a autonomía dos concellos e vote en contra dun municipalismo máis forte
Infogauda/Oia
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia lamenta que o Partido Popular votase en contra da moción presentada polo PSOE para defender o municipalismo galego e reclamar a reformulación do Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia.
A iniciativa, debatida no último pleno municipal, contou co apoio do PSOE e do BNG, pero foi rexeitada polos votos en contra do grupo de goberno do PP, impedindo que o Concello de Oia defendese unha lei que garanta máis autonomía, máis financiamento e máis capacidade de decisión para as administracións locais.
Desde o PSOE consideran que o texto presentado pola Xunta de Galicia supón un retroceso para o municipalismo galego ao recentralizar competencias, incrementar as obrigas dos concellos sen achegar os recursos necesarios e limitar a súa autonomía.
"O que está en xogo é a capacidade dos concellos para responder ás necesidades reais da veciñanza. Non se pode esixir máis servizos ás administracións locais sen garantir o financiamento suficiente para prestalos", sinalan desde o Grupo Municipal Socialista.
A moción reclamaba, entre outras cuestións, a retirada e reformulación do anteproxecto, unha maior participación dos concellos na elaboración da norma, un financiamento estable e suficiente, o respecto á autonomía municipal, a protección da lingua galega na administración local e o rexeitamento de posibles fusións obrigatorias de concellos sen contar coa vontade da cidadanía.
Os socialistas tamén advertiron de que o texto presentado pola Xunta foi elaborado sen unha verdadeira participación das entidades locais e sen incorporar memorias económicas que permitan coñecer o impacto real das novas obrigas que se pretenden trasladar aos concellos.
"Oia, como concello pequeno e rural, sería un dos máis prexudicados por unha lei que aumenta responsabilidades sen incrementar os recursos. Iso significa menos capacidade para prestar servizos públicos de calidade aos nosos veciños e veciñas", destacan.
Desde o PSOE consideran incomprensible que o Partido Popular de Oia decidise antepoñer a disciplina de partido á defensa dos intereses do municipio.
"Esperabamos que a alcaldesa defendese a autonomía do Concello que representa e reclamase máis recursos para Oia. Pola contra, preferiu respaldar un proxecto que resta capacidade aos concellos e concentra máis poder na Xunta de Galicia", afirman.
O Grupo Municipal Socialista reitera o seu compromiso cun municipalismo forte, dotado de recursos suficientes e con capacidade para tomar decisións desde a proximidade, "porque son os concellos os que mellor coñecen as necesidades da veciñanza e os que dan resposta aos problemas do día a día".
Resultado da votación:
PSOE: a favor
BNG: a favor
PP: en contra
A moción presentada polo Grupo Municipal Socialista non saíu adiante ao ser rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario