24 de abr. de 2026

TUI

Dezasete actividades conforman a programación “Tui en letras” a celebrar nos meses de maio e xuño  

 A Feira do Libro Galego, un concerto de Uxía Senlle e Bleuen LeFriec e as xornadas Siñor Afranio forman parte do programa  


Presentación da programación “Tui en letras”
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Dezasete actividades conforman a programación “Tui en letras” que se vai desenvolver ao longo dos meses de maio e xuño.  

 No programa figuran citas anuais xa tradicionais como o domingo, 17 de maio, Día das Letras Galegas, a celebración da XXVII Feira do Libro Galego que este ano se celebrará na renovada praza da Inmaculada. Previamente, o xoves 13, a praza de San Fernando acollerá unha nova edición de “Tui le”, coa participación das bibliotecas escolares dos centros educativos tudenses e da Biblioteca Municipal, que se suma ás celebración  dos 800 anos da consagración da catedral tudense. Este evento de promoción da lectura contará coa actuación de Barafunda co seu espectáculo “Ollo piollo” para todo o alumnado participante.  

 Tamén cita fixa nesta programación é o acto conmemorativo do aniversario dos Xogos Florais de Galicia celebrados do 24 ao 26 de xuño de 1891 na nosa cidade que este ano contará co espectáculo “Medula” de Cristal Méndez.  

 A lembranza á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2026, Begoña Caamaño, será a protagonista do Concerto “A tecedora de soños”, coa voz de Uxía Senlle e a arpa de Bleuen LeFriec, nun concerto a celebrar o vindeiro 21 de maio.  

 A Biblioteca Municipal acollerá ao longo do mes de maio diversas actividades de animación á lectura coa ilustradora Aida Alonso, Cris de Caldas e Caxoto. Celebraranse dúas presentacións de libros, “Patrimonio lúdico galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais” e “Ultreia”.  

 Tamén ao abeiro desta programación estrearase a obra de “Tres porquiños” do grupo de teatro amador Xuntanza de Randufe, prevista inicialmente para a semana das festas de San Telmo e que tivo que ser adida.  Ao abeiro da programación de “Tui en letras” celebrarase  unha actividade de fin de curso cos clubs de lectura tudenses para celebrar o “Ano Oteriano” visitando a Fundación Ramón Otero Pedrayo no Pazo de Trasalba.  

 Como novidade nesta programación terán lugar as  “Xornadas o siñor Afranio”, arredor do relato da fuxida de Antón Alonso Ríos tras a sublevación militar de xullo de 1936. Unhas xornadas que unen literatura, cultura e memoria histórica organizadas coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño – Louriña.  

 Para Sonsoles Vicente este amplo programa pretende a promoción do libro e a lectura nos diversos ámbitos sociais como unha ferramenta de lecer, de enriquecemento persoal e de cohesión social ao tempo que impulsa a dinamización da lingua galega entre a nosa cidadanía, obxectivo  estratéxico nun territorio por baixo da media en número de galegofalantes. Este programa conta co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra. A concelleira de Cultura agradece á ilustradora afincada en Tui Aida Alonso o deseño do cartel desta programación coa singular técnica que emprega "debuxando con tesoiras", e cuxo orixinal en tres dimensións se pode ver na Biblioteca Municipal.   

TUI EN LETRAS 2026 

Mércores 6 de maio ás 17.30 h na Biblioteca Municipal 

Obradoiro coa ilustradora Aida Alonso. 

Mércores 13 de maio de 10 a 13 h na praza de San Fernando 

XVII Tui Le  (arredor dos 800 anos da consagración da catedral de Tui). 

Actividade das bibliotecas escolares e da Biblioteca Municipal de Tui. 

Co espectáculo “Ollo Piollo” de Barafunda. 

Venres 15 de maio ás 21.00 h no Teatro Municipal 

 Estrea da obra de teatro amador “Tres porquiños” polo Grupo Xuntanza de Randufe. 

Entradas á venda en tui.gal ou unha hora antes do comezo do espectáculo. 

Domingo 17 de maio na praza da Inmaculada 

Feira do Libro Galego 

10 postos da Libraría Nobel. 

Programa: 

12.00 h. Pregón 

12.30 h.: “Comisión de festas” con Brais das Hortas. 

18.30 h.: “Xela e o dragón” (monicreques) con Barriga Verde. 

20.00 h.: Actuación folclórica dun grupo de pandereteiras. 

Mércores 20 de maio ás 17.30 h na Biblioteca Municipal 

Contacontos “Tantarantiña” con Cris de Caldas (nenos de 4 a 6 anos). 

Xoves 21 de maio ás 20.00 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela 

Concerto “A tecedora de soños”, coa voz de Uxía Senlle e a arpa de Bleuen LeFriec, interpretación das cancións dedicadas a Begoña Caamaño. 

Organiza: Rede de dinamización lingüística Falaredes da Xunta de Galicia. 

Venres 22 de maio ás 20.00 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela 

Presentación do libro “Ultreia” de Francisco Narla. 

Organiza: Libraría Nobel, colabora Biblioteca Pública Municipal. 

Mércores 27 de maio ás 17.30 h na Biblioteca Municipal 

Contacontos para bebés “Levántate Xan!!!” con Caxoto. 

Do xoves 28 ao domingo 31 de maio 

XornadasO siñor Afranio” 

Xoves 28: Conferencia de Natalia Jorge: "De Antón Alonso Ríos ao señor Afranio". 

Venres 29: Proxección da película "Afranio". 

Domingo 31: 

12.30 h.: Cata de viños das terras polas que fuxiu “O siñor Afranio”. 

20.00 h.: Concerto: "Música para un fuxido" con Víctor Aparicio, Pablo Nóvoa e Pancho Álvarez. 

Organiza: Concello de Tui e Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño – Louriña. 

Venres 5 de xuño ás 20.00 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela 

Presentación do libro “Patrimonio lúdico galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais”. 

Colabora: Biblioteca Municipal. 

Xuño 

Encontro Clubs de Lectura da Biblioteca Municipal: viaxe ao Pazo de Trasalba, tras lectura de obra de Ramón Otero Pedrayo. 

24 de xuño ás 20.00 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela 

CXXXV aniversario dos Xogos Florais de Galicia nos 800 anos da catedral Recital de música e poesía con Cristal Méndez e o seu espectáculo “Medula”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario