O BNG critica que o Plan Vía Depo penaliza os concellos que actuaron con previsión ante os danos dos temporais
• Mosquera denuncia o “nesgo evidente” do goberno da Deputación por priorizar convenios de estradas nos concellos onde o PP está na Alcaldía
Infogauda / Pontevedra
O BNG criticou hoxe no Pleno da Deputación que o Plan Vía Depo está a penalizar aos concellos que demostraron responsabilidade e previsión á hora de afrontar os danos causados polos temporais nas súas infraestruturas viarias. A pesares de votar a favor, o portavoz César Mosquera cuestionou duramente os criterios de adxudicación das axudas que, en lugar de subvencionar proxectos xa deseñados ou en marcha, exclúeos sen ningún tipo de argumento.
Mosquera lembrou que, tras insistirse desde a Deputación continuamente na necesidade de que os concellos presenten proxectos maduros —con informes sectoriais listos e unha tramitación avanzada—, resulta “incomprensible” que agora se exclúan do ‘Vía Depo’ obras xa iniciadas, en proceso de tramitación ou mesmo adxudicadas. “Se algúns concellos foron previsores para arranxar estradas, vías e accesos para ter todo listo antes do verán -subliñou o nacionalista-, non se entende que se lles deixe precisamente fóra por iso. Cal é a razón real para excluílos? Está a penalizarse a quen se preocupou por resolver os problemas con antelación”, insistiu.
Así mesmo, o deputado do BNG incidiu en que se a vocación do Plan Vía Depo é apoiar o mundo rural, resulta incoherente excluír concellos como Vigo e Pontevedra, posto que contan con arredor de 500 quilómetros de vías rurais. “Non é correcto deixalos fóra”, afirmou.
Mosquera tamén aproveitou para afear a conduta do Partido Popular por utilizar novamente a Deputación con fins partidistas. Neste sentido, criticou que o goberno provincial do Partido Popular trasladou os detalles do plan ‘Vía Depo’ antes da súa presentación oficial aos grupos municipais ‘populares’ alí onde están na oposición, co obxectivo —segundo denunciou o BNG— de “abravear” a vida política municipal.
Finalmente, o portavoz nacionalista sinalou que, se ben os criterios do Plan Vía Depo son obxectivos, instou o goberno provincial a dar “un vistazo” e analizar a súa actuación nos convenios relacionados con estradas provinciais, onde, ao seu xuízo, existe un nesgo evidente en favor dos concellos gobernados polo Partido Popular.
Conexión internet na provincia
Por outra banda, no punto relativo á dotación urxente de conexión a internet de alta velocidade a toda a poboación de Pontevedra, o grupo provincial do BNG insistiu na necesidade de solicitar tamén ao Ministerio para a Transformación Dixital que garanta a conexión a través de fibra óptica e que “supervise e esixa o cumprimento das empresa a dar esa cobertura, previamente ao apagamento do cobre, a todas as vivendas ou núcleos en que había ADSL”. A deputada Manuela Rodríguez subliñou que, a día de hoxe, en moitos casos as empresas din ter rematado o despregamento, mais non levan os servizos a todos os núcleos nin responden ás reclamacións da veciñanza.
Así mesmo, o Bloque incluíu na súa emenda a reclamación de que se asegure a cobertura de telefonía móbil “ademais de universal, sexa axeitada”, eliminando as zonas de sombra que, en non poucas ocasións se combinan con zonas sen cobertura de fibra óptica. Rodríguez puxo como exemplo o caso do territorio de Tomiño, próximo á raia, afectado polo chamado ‘efecto fronteira’”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario