31 de mar. de 2026

A GUARDA

A PRESIÓN SOCIAL OBRIGA A CARRERO A DESCARTAR O NOVO EMPRAZAMENTO DO PUNTO LIMPO  

Anxo Lois Baz Vicente (BNG): “A improvisación e a incompetencia  deste goberno obrigan a cambiar por segunda vez o emprazamento do punto limpo”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do BNG no Concello da Guarda, nunha visita á paraxe do Areal, onde o alcalde anunciou que se ubicaría o novo punto limpo 
Foto: G.M. BNG

Infogauda / A Guarda

 A  presión da veciñanza obriga a Carrero e o seu goberno a dar marcha atrás no seu intento de  emprazar o punto limpo na rúa Maceiras. É a segunda vez que este goberno ten que suspender o cambio de ubicación do punto limpo. A primeira vez xa  tiveran que paralizalo porque fixeron un proxecto para construílo en terreos que eran propiedade do Concello do Rosal”. Esas son - en síntese - as reflexións que no día de hoxe, vén de facer públicas o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no Concello da Guarda.

 O portavoz do BNG, Anxo Lois Baz Vicente, manifestou: “Carrero non ten  criterio e cada día que pasa dá unha mostra máis da súa incompetencia. A  primeira vez fixo un proxecto para colocar o punto limpo nuns terreos que non eran da Guarda e agora compra outros terreos que non son os  idóneos para unhas instalacións destas características que atoparon  unha forte oposición veciñal que os obrigou a paralizar novamente o traslado do punto limpo”.  

 O nacionalista tamén indicou: “Carrero dilapida os cartos dos guardeses e guardesas sen criterio de ningún tipo. Nesta ocasión van malgastar cerca de 40.000€ nuns terreos que non teñen utilidade para o concello. Estamos diante dun goberno sen proxecto, sen dedicación  que anda dando tombos dun lado para outro e que reduce a súa acción de goberno a ocorrencias deste tipo  que tratan de disimular cunha campaña permanente de publicidade”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario