2 de feb. de 2026

TUI

O punto limpo móbil inicia o seu percorrido polas parroquias  

  Até este domingo estará situado xunto ao Centro Cultural de Pexegueiro 


O punto limpo móbil estará cada semana, de luns a domingo, nunha parroquia de Tui 
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Reciclar pequenos residuos dende un pequeno electrodoméstico, a cargadores ou aerosois é moito máis doado en Tui grazas ao punto limpo móbil do Concello de Tui que hoxe luns, 2 de febreiro, iniciou o seu percorrido polas parroquias. Cada semana, de luns a domingo, estará nunha parroquia tudense co obxectivo de facilitar á veciñanza a reciclaxe sen ter que desprazarse no caso de pequenos residuos até o punto limpo municipal situado en Guillarei.  

 Neste punto limpo móbil pódense reciclar até 14 tipos de residuos. En concreto conta con caixas para a recollida pequenos electrodomésticos; radiografías; tubos fluorescentes; lámpadas; aceites de cociña usados; aerosois e envases de pinturas e vernices;  cargadores e auriculares.  

 O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, subliña que esta medida é un paso máis no compromiso municipal coa sostenibilidade e o medio ambiente.  Anima á veciñanza a facer uso do punto limpo móbil “e a reciclar correctamente, colaborando así na conservación do noso entorno e fomentando hábitos responsables coa xestión de residuos”.  

 O percorrido do punto limpo móbil comeza esta semana en Pexegueiro. A próxima semana estará en Malvas do 9 ao 15 de febreiro; e logo achegarase a Randufe do 16 ao 22 de febreiro; Areas do 23 de febreiro ao 1 de marzo; Pazos de Reis do 2 ao 8 de marzo; Rebordáns do 9 ao 15 de marzo; Ribadelouro do 16 ao 22 de marzo; Guillarei do 23 ao 29 de marzo; Paramos do 30 de marzo ao 5 de abril; Baldráns do 6 ao 12 de abril; e Caldelas do 13 ao 19 de abril.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario