2 de feb. de 2026

GALIZA

Segundo denuncia a CIG

Consúmase a traizón de CCOO e UGT ao persoal da conserva cun convenio regresivo 

 Delegadas/as da CIG no sector mobilizáronse hoxe na Confederación de Empresarios/as de Pontevedra en Vigo para exeitar o preacordo 


Arredor dun cento de persoas delegadas da central sindical no sector da conserva desenvolveu unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP) en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Galiza 

 Confírmase unha nova traizón de CCOO e UGT ao persoal do sector das conservas de peixes e marsicos coa ratificación dun convenio colectivo regresivo a seis anos. Dende a CIG xa advertiran que a acta de aprazamento das mobilizacións e da folga asinada polos os sindicatos estatais o pasado 20 de xeneiro agochaba un “acordo de despacho” que hoxe se evidenciou coa aceptación da proposta achegada pola mediación do SIMA a pesar de que mesmo empeoraba a última da patronal. 

 O documento, que contempla unha vixencia de 2025 a 20230, pecharase na xuntanza prevista para o vindeiro 19 de febreiro en Madrid, mais o ratificado hoxe por CCOO e UGT co empresariado xa é vinculante. A CIG manifestou a súa total oposición ao contido, en especial un sistema de clasificación profesional “ao que unicamente lle cambian o nome para que todo siga igual, mantendo a discrecionalidade en cada centro de traballo para a súa aplicación”.  

 Ademais, dende a central sindical lembran que a suba salarial do 2,9% pactada e cobro de atrasos de IPC correspondente ao 2025 neste primeiro trimestre “é grazas ás negociacións e ás folgas do anterior convenio”. E denuncian que a partir dese ano non haberá incrementos de soldos reais “xa que as medias se fan a tres anos”. 

 O rexeitamento da CIG está a ter eco tamén entre gran parte da representación sindical do sector, como acreditan as máis dun cento de sinaturas recollidas pola central nos últimos días entre delegadas/os de todos os sindicatos e do conxunto do Estado español rexeitando o preacordo e reclamando que se continuase coa negociación. Sinaturas que hoxe foron engtregadas na reunión do SIMA para denunciar que  este convenio “foi negociado e tutelado dende Madrid de costas ao sector e sen contar coas propias representacións sindicais de CCOO e UGT nas empresas, que foron informadas pola propia CIG nas asembleas”. 

 Ao mesmo tempo, coicidindo coa celebración da xuntanza en Madrid, arredor dun cento de persoas delegadas da central sindical no sector da conserva desenvolveu unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP) en Vigo ao berro de “convenios aquí e non en Madrid”

Ningún comentario:

Publicar un comentario