27 de xan. de 2026

TOMIÑO

O Entroido quenta motores en Tomiño coa apertura do prazo para participar no Venres de Foliada  

 As agrupacións interesadas poden presentar a súa solicitude por Sede Electrónica ata o 1 de febreiro  

 O desfile, un dos máis multitudinarios da comarca, celebrarase o venres 13 de febreiro ás 21.30 horas   


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima á veciñanza e ás entidades a sumarse a esta celebración que marca o inicio do Entroido na comarca
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Creatividade nas rúas de Tomiño para celebrar un Entroido que se vive con intensidade tras moito traballo colectivo. O Concello abriu este martes 27 de xaneiro o prazo de inscrición para participar no Venres de Foliada, unha das citas máis esperadas do calendario festivo, que este ano se celebrará o venres 13 de febreiro a partir das 21.30 horas. 

 As agrupacións interesadas poderán presentar a súa solicitude a través da Sede Electrónica municipal dende hoxe ata o vindeiro 1 de febreiro, ambos os dous días incluídos. No caso de choiva, o desfile trasladaríase ao venres 20 ou ao 27 de febreiro, mantendo o mesmo horario. 

 A participación está aberta a asociacións veciñais, culturais e xuvenís, centros educativos e grupos organizados que se presenten en formato de comparsa ou grupo, tendo prioridade aquelas procedentes do propio concello. Poderán participar entre 10 e 20 comparsas, cun mínimo de 15 persoas por agrupación, e con carrozas que non superen os 8 metros de longo, 3,5 de ancho e 4,5 de alto, sempre sen tracción animal. 

 No caso de que o número de solicitudes supere o máximo permitido, unha comisión técnica será a encargada de seleccionar as comparsas participantes, valorando aspectos como a procedencia, o número de integrantes, a temática, a orixinalidade, a posta en escena, a iluminación, o son e os valores sociais e culturais das propostas. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima á veciñanza e ás entidades a sumarse a esta celebración que marca o inicio do Entroido na comarca. “O Venres de Foliada é unha mostra do talento, da creatividade e do esforzo colectivo das nosas comparsas. Cada ano sorpréndennos con escenografías espectaculares froito de meses de traballo, e para Tomiño é un orgullo poder acollelas”, destacou. 

 As comparsas participantes recibirán unha compensación económica en función do número de compoñentes e da presenza ou non de carroza, con achegas que van dende os 100 ata os 500 euros. A orde de desfile establecerase por rigorosa orde de chegada ao punto de saída, situado na rúa ao lado do colexio Pedro Caselles, e o percorrido transcorrerá pola rúa Gondomar ata rematar na Pedra, como é habitual. 

 As bases completas do Venres de Foliada poden consultarse na web municipal e no taboleiro de anuncios do Concello. Unha cita imprescindible para vivir o Entroido con toda a súa forza, ritmo e imaxinación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario