Oia non pode seguir agardando. O Baixo Miño tampouco
Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia
Oia, con apenas 3.000 habitantes e cunha poboación especialmente envellecida, segue sen contar cunha residencia pública para persoas maiores nin cun centro de día.
Esta carencia arrástrase desde hai anos e obriga ás familias a realizar importantes desprazamentos para acceder aos recursos públicos dispoñibles fóra do municipio. Son quilómetros que se traducen en tempo, gastos e dificultades engadidas, especialmente para as persoas dependentes e para quen as coida.
Mentres se fala de igualdade territorial, de servizos de proximidade e de loita contra o despoboamento, a realidade é que en concellos rurais como Oia o acceso aos coidados segue dependendo, en boa medida, do lugar no que se vive.
Desde o PSOE de Oia consideramos que a Xunta de Galicia debe explicar cal é a súa planificación para atender esta necesidade e que criterios está aplicando para a implantación de novos recursos para persoas maiores.
Pero tamén reclamamos iniciativa ao Concello. A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, como máxima representante municipal, debe explicar á veciñanza que xestións realizou, que compromisos reclamou á Xunta e que actuacións pretende impulsar para conseguir estes servizos.
O Concello debe defender ante as administracións competentes a necesidade de contar cun centro de día e avanzar tamén na procura de solucións para a atención residencial das persoas maiores.
Oia non reclama privilexios. Reclama servizos públicos de proximidade e que as persoas maiores poidan envellecer preto das súas familias e do seu entorno.
Desde o PSOE de Oia xa levamos esta demanda ao Parlamento de Galicia para reclamar un centro de día para o municipio. Agora consideramos necesario que todas as administracións implicadas concreten actuacións, financiamento e prazos.
Os nosos maiores non poden seguir agardando indefinidamente. Oia leva demasiado tempo agardando. É hora de dar respostas.
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario