20 de xan. de 2026

TOMIÑO

Concello, Tulsa Fimls e Acting School impulsan o proxecto audiovisual profesional ‘A memoria do Miño’  

 A curtametraxe rodarase en Tomiño na primavera de 2026  

 Búscanse actores e actrices preferentemente do municipio ou do Baixo Miño para participar. Selección de participantes este sábado, 24 de xaneiro, de 16.00 a 18.00 h no Espazo Isaura Gómez  




Infogauda / Tomiño

 O río que marcou xeracións enteiras de vidas, traballos e lembranzas dá agora o salto á pantalla. Tomiño prepárase para acoller a rodaxe da curtametraxe ‘A memoria do Miño’, un proxecto cinematográfico profesional promovido polo Concello de Tomiño e Tulsa Films, coa colaboración da Acting School, que aposta pola creación cultural nacida do propio territorio e coa súa xente como protagonista. 

 Como primeiro paso, xa está aberto o prazo de inscrición para a preselección das persoas que participarán, que culminará cunha proba presencial este sábado 24 de xaneiro, de 16.00 a 18.00 horas, no Espazo Isaura Gómez. O obxectivo é atopar tanto actores e actrices para papeis principais como persoas de figuración de todas as idades, preferentemente naturais de Tomiño ou da comarca do Baixo Miño. 

 A curta, que se rodará entre o 1 e o 10 de marzo de 2026, busca perfís concretos para os personaxes protagonistas, como actores de 25 a 35 anos e de 50 a 75 anos e actrices de 30 a 60 anos, de 50 a 70 e de 75 a 90 anos. Ademais, seleccionarase persoas figurantes de todas as franxas de idade. Trátase dun proxecto profesional remunerado baixo convenio que ofrece unha oportunidade real de participación no sector audiovisual. 

 As persoas interesadas deben contactar por WhatsApp no 635 980 315, onde se lles solicitarán fotografías recentes e un vídeo de presentación de 15 segundos. Os perfís preseleccionados serán convocados posteriormente a unha selección presencial ante cámara con escena, e as persoas finalmente escollidas deberán contar con dispoñibilidade total durante o período de rodaxe. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “é unha enorme satisfacción apoiar proxectos creativos que nacen da ollada da propia veciñanza, que poñen en valor a nosa memoria colectiva e converten Tomiño nun escenario vivo de cultura e creación”. A rexedora subliñou tamén que “o audiovisual é unha ferramenta poderosa para contar quen somos, de onde vimos e para dar oportunidades a talento local de todas as idades”. 

 Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa cultura, coa creatividade contemporánea e coa recuperación da memoria como patrimonio común, facendo do Miño non só unha fronteira natural, senón tamén un fío narrativo que une pasado, presente e futuro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario