9 de xan. de 2026

O PORRIÑO

O PSOE alerta dun alcalde ausente: 100 comisións sen asistir e un soldo de 85.000 €

 O salario de Alejandro Lorenzo ben dado da suma do que percibe como alcalde, como deputado provincial e coma presidente do Consorcio de Augas do Louro 

David Alonso Bargiela, concelleiro portavoz do Grupo municipal do PSdeG-PSOE de O Porriño

PSdeG-PSOE de O Porriño

 O PSdeG-PSOE de O Porriño quere trasladar á cidadanía unha análise detallada e documentada sobre a situación política e institucional que vive o Concello, marcada por unha combinación especialmente preocupante: por unha banda un alcalde cun nivel de ingresos públicos propio de grandes capitais ou do Goberno do Estado; e por outra a súa ausencia continuada dos espazos de traballo de goberno, control e rendición de contas municipais.  

 Segundo os datos oficiais recollidos nos portais de transparencia das distintas administracións, o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, percibe ingresos públicos procedentes de tres cargos institucionais. Como alcalde con adicación exclusiva, cobra 39.540,20 € brutos anuais con cargo ao orzamento municipal; como deputado provincial na Deputación de Pontevedra, percibíu 41.275 € brutos no exercicio do 2024 por asistencias a plenos e comisións; e ademáis, como presidente do Consorcio de Augas do Louro, ingresa un complemento de 4.200 € anuais.

 A suma destas retribucións nos leva aos 85.000 € brutos anuais, unha cifra que sitúa ao rexidor porriñés ao mesmo nivel que os rexedores das principais cidades galegas; e moi preto dos soldos dos ministros do Goberno de España, a pesar de gobernar un concello de 21.000 habitantes.

 O portavoz municipal do PSdeG-PSOE explica que non estamos falando de envexa nin de demagoxia, senón de proporcionalidade e respecto á veciñanza. Un alcalde dun concello coma O Porriño non pode cobrar como un gran cargo do Estado e, ao mesmo tempo, non render contas nin exercer plenamente as súas funcións”.

 A esta realidade salarial súmase unha falta evidente de transparencia. O alcalde non ten publicada a súa declaración de bens e rendas, unha obriga básica nun sistema democrático. Esta ausencia de información resulta especialmente grave tras levar ao Pleno municipal unha proposta para renunciar á actualización do IRPF, tentando construír un relato de contención fiscal que non se corresponde cos seus ingresos reais. “O problema non é só canto cobra, senón que oculta información que permitiría á cidadanía xulgar se hai coherencia entre o que predica e o que practica”, sinala o portavoz socialista.

 Pero máis alá das cifras, o máis preocupante é o modelo de exercicio do cargo. Alejandro Lorenzo mantén unha presenza habitual en aniversarios, inauguracións, festas e actos sociais, pero desaparece sistemáticamente dos espazos onde se decide, se debate e se rende contas. Temos un alcalde que aparece cando hai cámaras, pero non aparece cando hai que traballar, explicar decisións ou responder preguntas, denuncia o portavoz do PSdeG-PSOE.

 No que vai de lexislatura celebráronse 100 comisións informativas municipais que o alcalde debía presidir como máximo responsable do Concello. Non asistiu nin presidiu ningunha delas. “Falamos de dous anos sen presidir unha soa comisión, dous anos sen sentarse coa oposición a falar de orzamentos, contratos ou prioridades. A súa relación coa oposición limítase a saúdos e apertas cando hai público diante, o que é pura posta en escena, afirma o portavoz socialista.

 Esta ausencia non só deteriora a calidade democrática, senón que tamén ten consecuencias económicas. Cada vez que non asisten os cargos con dedicación exclusiva, o Concello vese obrigado a cubrir as comisións con concelleiros sen esa adicación, cuxa presenza sí xera custo económico.

 O sobrecusto estimado é de arredor de 700 € por cada comisión, o que supón un aforro potencial de aproximadamente 70.000 € se os cargos con adicación exclusiva cumprisen coas súas obrigas ordinarias. “Estamos pagando comisións innecesarias mentres quen debería presidir, explicar e asumir responsabilidades nin sequera aparece. E ademais esas comisións acábanas atendendo concelleiros que non levan as áreas nin coñecen os expedientes, subliña o portavoz.

 Esta situación contrasta coa asistencia regular e escrupulosa do alcalde ás comisións da Deputación de Pontevedra, onde cada sesión leva aparellada retribución económica.O patrón é moi claro e a xente enténdeo perfectamente: onde non se cobra, non aparece; onde se cobra, non falla asistencia, puntualiza David Alonso.

 O PSdeG-PSOE de O Porriño considera que a adicación exclusiva non é unha etiqueta nin un complemento salarial, senón un compromiso co exercicio pleno das funcións do cargo. O Concello non se pode gobernar desde o escenario nin desde a foto: gobérnase desde o traballo diario, a explicación e a rendición de contas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario