11 de xan. de 2026

CULTURA

CINEMA  

"Rondallas": moito máis que unha fermosa película  

• O filme pon en valor o patrimonio cultural inmaterial desas agrupacións do sur da provincia de Pontevedra




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Desde que soubemos que o guionista, director de cine e escritor Daniel Sánchez Arévalo (Madrid, 24 de xuño de 1970) descubrira” unha potente mostra do universo da comunidade rondalleira, tivemos a certeza de que grazas a súa iniciativa de crear unha historia cinematográfica a partires dese referente, ía supoñer un punto de inflexión nese microcosmos sociocultural tan xenuino do sur da nosa provincia. Non nos equivocamos. Desde antes do comezo da rodaxe do filme - e sobor de todo antes de rematar súa montaxe - comezaron a constatarse varias iniciativas, en diferentes ámbitos, a prol dese patrimonio de noso, que en boa hora están poñendo os alicerces para á salvagarda desas agrupacións culturais.

 O relato que concibiu Daniel Sánchez Arévalo, como guionista e director, logrou xerar - como nos amosa no filme - unha motivación humana e solidaria, como catarse a un revés acontecido no ámbito marítimo. De aí rexurdiría un colectivo social que é todo un expoñente de como os seres humanos somos capaces de sobrepoñernos a unha desgraza. Para iso foi necesario deixar transcorrer un tempo para que as feridas - malia que as cicatrices persistisen - dese paso á vida, como homenaxe aos seres que se nos foron. E por eles, e por todos os que sofren súas ausencias, xurde o reto de voltar a compartir soños e días felices que tanto necesitamos e que tanto ben nos fan a todos.

 Con Javier Gutiérrez e María Vázquez como protagonistas, "Rondallas" conta cun elenco no cal vemos a Judith Fernández, Tamar Novas, Carlos Blanco, Fer Fraga, Xosé A. Touriñán, Marta Larralde, Lola Rodríguez, Marcos Pereiro, Irene de Anta, Andrea Reiriz, David Perdomo, entre outros, aportando todos eles os seus mellores rexistros, nunha obra coral na que a beleza de A Guarda, Oia, Baiona, Tui, Vigo,..., coprotagoniza o filme.

 A música estivo a cargo de Federico Jusid; da fotografía ocupouse Rafa García; e da montaxe Miguel Sanz Esteso.

 Dese xeito, ademais dun relato no que teñen cabida o humor, o traballo no mar, a dificil coexistencia entre colectivos antagónicos, a supervivencia, e mesmo o amor, en diferentes xeitos de expresión; "Rondallas" ofrece ao respetable público 112 minutos de gozoso entretemento. E ademais, amósanos moito do fermoso que temos a cotío diante dos nosos ollos e que non sempre sabemos coidar e valorar. 

 Estreada fóra de competición no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián o 22 de setembro de 2025; "Rondallas", dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e estreada o día 1 de xaneiro de 2026, xa destaca con 19 nomeamentos aos Premios Goya 2026, na súa 40ª edición, incluíndo Mellor Película, Dirección, Guion, Actores (Javier Gutiérrez, María Vázquez) e técnico, sendo un éxito de despacho de billetes en Galicia e unha das producións españolas máis vistas do ano. 

 "Rondallas" conta tamén co nomeamento a Mellor Comedia, dos Premios Feroz 2026.     

 No que respecta as Medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos (CEC), Judith Fernández está nominada como Actriz revelación.

 Por todo iso, recomendamos non deixar pasar á oportunidade de ir as salas de cine e gozar desta película - que xa conta con 100.000 espectadores - porque está feita con moito agarimo e respecto as nosas tradicións.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario