A Xunta de Galicia licita a construción e concesión dunha cafetería no ámbito PS5 dos terreos da antiga ETEA en Vigo
• O orzamento para a construción da cafetería estímase en 405.891€, mentres que para a fase de explotación, o valor estimado ascende a 9,8M€
Infogauda / Vigo
A Xunta de Galicia licita a construción e concesión dunha cafetería no antigo edificio da panadería, no ámbito PS5 dos terreos da ETEA en Vigo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, deron conta hoxe desta nova actuación.
M. Allegue destacou que esta nova dotación enmárcase no compromiso da Xunta para recuperar estes terreos da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada “para a cidadanía de Vigo, para a Universidade e para os nosos maiores”.
Apuntou que neste caso, a nova cafetería é unha proposta enfocada á dinamización social desta contorna “e converterase nun novo punto de encontro e nun miradoiro para esta zona emblemática, con vistas á praia da Punta e á ría de Vigo”. Destacou a calidade do proxecto, que suporá a renovación da estrutura interior, o chan e a cuberta do edificio para acadar un espazo polivalente e eficiente enerxeticamente, e contará no seu exterior cunha terraza cuberta, unha barra alta exterior e outra terraza descuberta, acompañadas de xardíns que integrarán o conxunto na paisaxe marítima.
Lembrou que a Administración autonómica ten en execución neste momento a urbanización do ámbito autonómico, o PS6, cun investimento de 4,8M€ e que estará rematada no segundo semestre deste ano, e ten tamén aprobado o convenio para actuar no PS1, cun compromiso de investimento de 10,5M€, á espera do Concello e Zona Franca para asinalo.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou que a licitación hoxe da cafetería para estas instalacións da ETEA é un paso máis na dotación de servizos para recuperar este espazo para os vigueses e unha mostra máis do compromiso permanente da Xunta de Galicia con esta cidade.
“Nos últimos meses cada vez que temos a oportunidade de visitar a ETEA é para comprometer unha nova dotación por parte da Xunta”, dixo, facendo referencia á cesión en setembro de dous edificios á Universidade de Vigo para facer realidade o Campus do Mar, así como ao inicio da residencia pública de maiores que construirá a Fundación Amancio Ortega.
Corgos incidiu na importancia da cooperación entre administracións e afirmou que o Goberno galego seguirá traballando para dotar a este espazo con cada vez máis servizos.
O contrato
O contrato que hoxe licita a Xunta ten dúas fases e as empresas teñen de prazo ata o 27 de marzo para presentar as súas ofertas. Hai que sinalar que o contrato non comporta compromiso de gasto para a Administración.
Así, a futura concesionaria asumirá na primeira fase o deseño e execución das obras de rehabilitación e condicionamento do edificio, cun orzamento estimado das obras de 405.891€. E, na segunda fase, de explotación da cafetería, o contrato ten un valor estimado de 9,8M€. Como contraprestación polo uso de bens públicos, o concesionario deberá abonar un canon de explotación mínimo anual de mil euros (1.000€).
O prazo global do contrato de concesión é de 20 anos. A primeira fase, de deseño e execución das obras de rehabilitación e condicionamento do edificio, ten un prazo de 12 meses, e a segunda fase, de explotación da cafetería, ten un prazo de 19 anos.
Na avaliación das ofertas para o contrato teranse en conta, ademais dos criterios económicos (o canon proposto), a calidade da proposta, centrada no proxecto, na memoria e nas medidas de impulso demográfico, é dicir, o seu enfoque social.

Ningún comentario:
Publicar un comentario