A Xunta de Galicia licita a redacción do proxecto para construír 12 novas vivendas públicas en Baiona, que suporán un investimento de 2,5 M€
• A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a licitación do contrato de redacción por máis de 120.000€ e fixa a presentación de ofertas ata o 6 de marzo
Infogauda / Baiona
A Xunta licita a redacción do proxecto para construír 12 novas vivendas públicas en Baiona, que suporán un investimento autonómico de 2,5M€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde, Jesús Almuíña, o acordo polo que o Concello cede ao Goberno galego a parcela na que se desenvolverá este inmoble. Este acordo xa fora autorizado polo Consello da Xunta esta semana.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación deste contrato de redacción, por un importe de algo máis de 120.000€. As empresas interesadas en acometer esta intervención poderán presentar as súas correspondentes ofertas ata o vindeiro 6 de marzo.
O Goberno galego executará nunha parcela situada na rúa O Burgo, cedida polo Concello de Baiona, un edificio que albergará 12 novos fogares que se porán a disposición de cidadáns inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda.
Allegue subliñou que con este acordo de hoxe Baiona se suma a outros 13 concellos que xa cederon gratuitamente parcelas á Xunta para construír vivenda pública. Trátase dos municipios de Pontevedra, Lugo, Teo, Lalín, A Estrada, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Ames, Carballo, Narón, San Cibrao das Viñas, Arteixo e Bueu.
Neste sentido, a conselleira agradeceu a colaboración dos municipios e animou a seguir aumentando o número de concellos que ceden solo para continuar favorecendo o acceso da cidadanía a unha vivenda digna e a un prezo accesible.
Ademais María M. Allegue puxo en valor o esforzo técnico e financeiro que está a realizar a Xunta no ámbito da vivenda, pois na actualidade xa ten en marcha arredor de 3.000 novas vivendas públicas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario