27 de xan. de 2026

A GUARDA

O BNG RECLAMA FLEXIBILIDADE PARA A FROTA ARTESANAL NA APLICACIÓN DO REGULAMENTO DE PESCA    

Anxo Lois Baz Vicente (voceiro do Grupo municipal do BNG): “A normativa europea, ignora as características da nosa frota de baixura e a súa singularidade” 


Anxo Lois Baz Vicente, voceiro do Grupo municipal do BNG

Infogauda / A Guarda

 O  BNG reclama  flexibilidade para a frota artesanal na aplicación do regulamento de pesca. Esta reivindicación defendida xa polos nacionalistas nos parlamentos europeo, español e galego chegará tamén este mércores ao pleno do  Concello da Guarda.  

 O portavoz municipal do BNG na Guarda, Anxo Lois Baz Vicente,  manifestou: “A pesca artesanal, aínda mantén unha importancia  económica  e social nas vilas costeiras e contribúe a fixación de poboación, creación de emprego e dinamización da economía local. O regulamento europeo de pesca, está pensado para os grandes buques industriais e introduce unha carga burocrática e tecnolóxica absolutamente inasumíbel para embarcacións pequenas nas que os propios patróns tamén faenan. É unha normativa que ignora as características da nosa frota de baixura e a súa singularidade”.  

 Os nacionalistas reclaman que na próxima revisión da política pesqueira común se estableza unha diferenciación clara entre a pesca artesanal e a pesca industrial que atenda a criterios como distancia ao caladoiro, duración das mareas, artes empregadas ou número de tripulantes. Tamén esixen da Xunta de Galicia que exerza e defenda as súas competencias en augas interiores, desenvolvendo normas propias de control adaptadas á realidade da frota artesanal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario