23 de dec. de 2025

O PORRIÑO

O 100% persoal do almacén de Amazon no Porriño secunda a xornada de folga para reclamar melloras laborais 

 Denuncian a precariedade na contratación, a sobrecarga laboral e ter que traballar en domingos sen remuneración 


O 100% do persoal do almacén de Amazon no Porriño está secundando este martes a primeira xornada de folga convocada neste centro de traballo

Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 O 100% do persoal do almacén de Amazon no Porriño está secundando este martes a primeira xornada de folga convocada neste centro de traballo para reclamar melloras nas condicións laborais nunha empresa que obtén beneficios milmillonarios. Con motivo do paro, as traballadoras e traballadores tamén se concentraron ás portas das instalacións da compañía dende primeira hora desta mañá até pasado o mediodía. 

 O seguimento masivo da folga no almacén (onde traballan arredor de 70 persoas das máis de 90 que Amazon ten contratadas nestas instalacións) está afectando á saída dos paquetes e calcúlase que a metade dos envíos quedarán sen repartir. Ademais, a paquetería que si saíu fíxoo con moito atraso con respecto a unha xornada ordinaria. 

Sobrecarga de traballo e condicións precarias 

 “Moito traballar para case non cobrar”, “estamos fartas de ser explotadas”, “non somos robots somos traballadores” ou “traballo precario, beneficio millonario” foron algunhas das consignas máis berradas polas traballadoras e os traballadores da plataforma loxística durante esta xornada de folga. Un paro convocado polo comité -con maioría da CIG- para denunciar a falta de persoal suficiente e os elevados ritmos que teñen que soportar as traballadoras e traballadores para poder sacar adiante a carga laboral.  

 Este esforzo continuado ten consecuencias directas sobre a súa saúde e malia que o comité leva meses tentando que a dirección tome medidas ao respecto, a única resposta foi o silencio. Á sobrecarga de traballo, explica Carlos Lamosa, responsábel de Transporte da FGAMT-CIG de Vigo, súmase a precariedade na contratación (case todos os contratos son a tempo parcial ou fixos-descontinuos), incumprimentos en materia de prevención de riscos ou o feito de ter que traballar en domingos sen remuneración nin compensación de ningún tipo. 

 Co agravante, engade Lamosa, de que esta precariedade acontece nunha empresa que ano a ano obter beneficios milmillonarios e na que o seu propietario, Jeff Bezos, é un dos homes máis ricos do mundo. “Amazon é un exemplo de precariedade laboral e explotación”, denunciou. 

 Deste modelo de explotación fai parte tamén a masiva externalización da actividade, coa contratación de numerosas ETT para realizar traballo dentro do propio almacén e a subcontratación do reparto en empresas externas ou a través de persoal autónomo.  

 A finais do mes de xaneiro está fixada unha reunión coa dirección da empresa e en función do que aconteza nese encontro non se descarta a convocatoria de novas mobilizacións e folgas porque “o persoal non vai renunciar aos dereitos que en xustiza lles pertencen e continuará loitando até que se atendan as súas lexítimas demandas”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario