12 de nov. de 2025

O ROSAL

O Rosal revive a emoción do San Martiño, unha romaría centenaria   

 Centos de persoas rosaleiras participarán este domingo 16 na tradición secular de subir en procesión ao santo a ombros ata a capela 

 

Vista da romaría de San Martiño na edición de 2024
Foto: Luis Dorado Senra

Infogauda / O Rosal

 O latexo da tradición volve soar no Rosal. Este domingo 16 de novembro, o municipio vestirase de festa para celebrar unha das súas citas máis queridas e simbólica, a romaría de San Martiño, unha xornada que une devoción, patrimonio e convivencia nunha celebración centenaria que segue tan viva como sempre. 

 En caso de que o tempo acompañe, a partir das 10.30 horas, a imaxe de San Martiño sairá en procesión desde a igrexa de Santa Mariña do Rosal, na praza do Calvario, para iniciar o seu ascenso ata a ermida, levada a ombros por veciños e veciñas entre cánticos, música e emoción. Xa ao mediodía, ás 12.00 h, celebrarase a misa solemne na capela, convertendo o percorrido polos muíños do Folón e do Picón nunha auténtica homenaxe á paisaxe e á memoria colectiva. 

 Esta celebración, documentada dende o século XVIII, é un dos sinais de identidade máis recoñecibles do Rosal. Unha tradición que en caso de choiva adíase ata o primeiro domingo que faga bo tempo, pero que nunca se cancela: sempre regresa, como cada xeración que a mantén viva. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “o San Martiño é moito máis ca unha festa relixiosa. É unha viaxe ás nosas raíces, un acto de comunidade e un recordo constante do que somos e de onde vimos. Cada ano, cando a imaxe sobe á ermida, sentímonos parte dunha historia compartida”. A rexedora quixo tamén agradecer “a implicación da veciñanza e das asociacións locais, que fan posible que esta tradición se manteña viva e siga sendo unha cita imprescindible no calendario cultural e social do Rosal”. 

 “O San Martiño é emoción, identidade e orgullo rosaleiro”, concluíu a alcaldesa, que convida a toda a veciñanza a participar nesta celebración única que segue a unir xeracións ao redor da fe e da cultura popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario