28 de out. de 2025

TOMIÑO

Tomiño abre as portas ao legado de Castelao   

 O Concello organiza en colaboración coa Fundación Penzol e a Cátedra Castelao da USC unha exposición sobre a actividade literaria e política do escritor  

 O acto inaugural será este venres, 31 de outubro, ás 20.00 h no Espazo Isaura Gómez 

 


 

Infogauda / Tomiño

 No Ano Castelao, Tomiño conmemora a memoria do escritor, debuxante, médico e político galego cunha programación única que percorre a súa vida e obra e achega á veciñanza o legado dun dos referentes culturais e políticos de Galicia. Este venres, 31 de outubro, ás 20.00 h no Espazo Isaura Gómez, inaugurarase a exposición “Castelao de ‘Sempre en Galiza’ ao Consello de Galiza 1934-1944”, unha mostra organizada pola Fundación Penzol e a Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello que recolle cronoloxicamente a actividade literaria e política do escritor desde os primeiros artigos publicados no desterro extremeño ata a fundación do Consello de Galiza en 1944, do que foi primeiro presidente. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que “esta exposición é unha oportunidade única para que Tomiño coñeza de primeira man a traxectoria dun dos grandes referentes da nosa cultura. Cada actividade que organizamos en torno a Castelao axuda a manter vivo o seu legado, dende a literatura á política e á arte”. 

 Unha homenaxe que chega tamén ao mundo artístico e visual con mural dedicado a Castelao que xa se pode contemplar na Avenida de República Arxentina. Obra do artista vigués Pedro Gonzalo, Beis, gañador do Concurso de Pintura Mural Castelao convocado polo Concello, o mural percorre visualmente as diferentes etapas creativas do escritor e inclúe un retrato reinterpretado en estilo realista. A paleta cromática, centrada en tons azuis, evoca a bandeira galega, o mar e a identidade de Galicia, mentres que as escenas dialogan co estilo contemporáneo de Beis, con trazos soltos e xestuais, reivindicando a vixencia de Castelao como referente cultural. 

 As actividades complementaranse coa proxección gratuíta da película “Antes de Nós” o sábado 15 de novembro ás 21:00 h no Auditorio de Goián, un filme co que achegarse a momentos decisivos da vida de Castelao e da súa relación coa súa muller Virxinia, desde a súa etapa como médico en Rianxo durante a gripe española de 1918 ata a viaxe a Bretaña en 1929 tras a perda do seu fillo. Unha ollada a Castelao antes de ser Castelao, unha mirada á Galicia antes da ‘Xeración Nós’. 

 Con esta programación, Tomiño reafirma o seu compromiso coa cultura galega e conmemora o 75 aniversario do pasamento de Castelao, achegando á cidadanía o legado dun escritor, debuxante, ensaísta e político que marcou a historia de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario