O prestixioso músico Julián Maeso desembarca en Goián para desenvolver o proxecto Vila da Música
• Concello de Tomiño, Centro Goianés, Agrupación Musical de Goián e Julián Maeso alíanse nun ambicioso proxecto cultural que transformará Goián nun referente musical
• O proxecto contempla a creación dun Museo Interactivo da Música no Mercado de Goián e comezará coa actuación da lenda do soul Martha High no Centro Goianés este venres 31
Infogauda / Tomiño
Goián quere converterse na próxima referencia musical de Galicia. O Concello de Tomiño, o prestixioso músico Julián Maeso, o Centro Goianés e a Agrupación Musical de Goián alíanse para crear un ambicioso proxecto cultural, ‘Goián, Vila da Música’, unha iniciativa estratéxica que busca transformar o municipio nun ecosistema musical cohesionado e integrado cun centro dinámico no que a música impregne cada recuncho.
O proxecto centrarase en integrar e potenciar sinerxías entre os diferentes espazos culturais de Goián. Así, o Auditorio Municipal converteranse no epicentro dos grandes concertos, mentres que o Centro Goianés será o escenario que acollerá os concertos de música en vivo, como xa ten tradición. Pola súa banda, a Escola de Música integrarase neste proxecto como eixo central da formación musical, tamén con residencias artísticas.
Un elemento clave e central será o Museo Interactivo da Música, que estará situado no Mercado de Goián, un espazo que albergará a colección privada de instrumentos do propio Julián Maeso, pezas que foi adquirindo ao longo de toda a súa vida e na que poderán atoparse pianos, guitarras e obxectos de coleccionismo musical de todo o século XX. O Museo da Música contará tamén cun taller de experimentación sonora e ofrecerá visitas turísticas.
Como destaca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “Goián sempre foi un lugar ligado á cultura e á creatividade. Con esta iniciativa pioneiro queremos que a música impregne cada recuncho do noso pobo e que se converta nun verdadeiro motor de dinamización social e de dinamización económica local que faga de Tomiño un atractivo destino turístico diferencial”.
Para Javier Maeso este “é un proxecto estratéxico de futuro no que xeraremos un ecosistema único no que cada espazo cultural reforza ao outro. O Museo, o Centro e o Auditorio funcionarán como un tridente que atraerá visitantes, artistas e veciñanza, creando unha experiencia musical completa e posicionando Goián como un destino imprescindible para as e os amantes da música e da cultura”.
O proxecto inclúe tamén colaboracións transfronteirizas con Portugal para fortalecer lazos e o intercambio cultural, a integración con aloxamentos turísticos locais para promover o turismo musical ou a mellora da estética das rúas para consolidar a identidade musical de Goián. O inicio deste proxecto está marcado pola reapertura da cantina do Centro Goianés, da man de Julián Maeso en colaboración con Casa Telleiro. Aínda que a cantina abrirá as súas portas este mesmo mércores, o verdadeiro pistoletazo de saída desta nova etapa na vida cultural en Goián será este venres 31 de outubro co concerto excepcional da lenda do soul americana Martha High, corista durante moitos anos do artista James Brown.
O multifacético músico Julián Maeso é unha das figuras máis brillantes e carismáticas da escena musical nacional e internacional. Co seu inconfundible estilo que mestura soul, rock, funk e blues, Maeso destaca pola súa mestría tanto co teclado do Hammond que tantas veces puxo ao servizo das divas do soul americanas como pola súa voz. Tras unha longa traxectoria por proxectos emblemáticos e traballando con grupos como The Blackbirds, Speaklow, The Sweet Vandals ou M-Clan agora pon o seu patrimonio musical e experiencia para converter a Goián na ‘Vila da Música’.
O Centro Goianés, unha das entidades culturais con máis tradición de Galicia, leva máis dun século sendo un auténtico referente da música en vivo no Baixo Miño. Desde a súa fundación en 1914, o histórico edificio da Avenida Ordóñez acolleu innumerables concertos, bailes e eventos que marcaron xeracións, converténdose nun espazo esencial para o encontro e a creación artística. Polos seus escenarios pasaron orquestras, bandas e solistas de dentro e fóra de Galicia, mantendo vivo un espírito musical que forma parte da identidade de Goián.
Pola súa banda, a Agrupación Musical de Goián é hoxe un símbolo de orgullo cultural e educativo no Baixo Miño, froito dun proxecto que naceu nos anos noventa e que leva case tres décadas enchendo de música e talento o pobo de Goián. A súa orixe remóntase a 1994, cando se iniciaron as clases de solfexo no colexio local, sementando a paixón que levaría á creación oficial da banda en 1998. Desde entón, a Agrupación destacou pola súa intensa actividade, con participación en festivais por toda Galicia, España e Portugal, colaboracións con recoñecidos directores e artistas, e importantes recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música 2024 polo proxecto Chavellos Sinfónico. Baixo a dirección de Pedro Villarroel González desde 2015, continúa a medrar con forza grazas á súa Escola de Música, na que máis de 150 alumnos e alumnas aprenden e comparten a paixón polo son. Cun equipo docente de 16 profesionais e unha sólida traxectoria formativa, a Agrupación Musical de Goián é hoxe un referente de excelencia e compromiso coa cultura, consolidando o legado musical dun pobo que vive e respira música.
Ningún comentario:
Publicar un comentario