A formación en creación de experiencias turísticas do Club de Produto de Galicia Suroeste comeza en Tomiño con representación dos eidos primario e turístico
• O programa promove a innovación e o traballo en rede para crear experiencias turísticas únicas e identitarias
Infogauda / Tomiño
O Espazo Isaura Gómez, de Tomiño, acolleu a primeira sesión da formación en creación de experiencias turísticas, unha iniciativa posta en marcha no seo do Club de Produto Galicia Suroeste.
O acto inaugural contou coa presenza da presidenta da entidade e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen destacou a importancia de promover a cooperación entre o sector primario e o turístico como motor de desenvolvemento local e de posta en valor dos recursos do territorio.
Formarán parte deste programa empresas e profesionais dos sectores turístico e primario, así como actividades artesanais, co obxectivo de impulsar a creación de produtos turísticos innovadores, sostibles e vencellados á identidade de Galicia Suroeste.
Durante a primeira sesión, o experto en turismo Víctor Sixto abordou as claves para transformar un produto ou servizo nunha experiencia turística con valor engadido, destacando o papel da sostibilidade, a innovación e a dixitalización como eixes fundamentais da competitividade empresarial turística.
A formación desenvolverase ata o mes de decembro e incluirá dez módulos temáticos e dous obradoiros prácticos, nos que os participantes poderán deseñar as súas propias experiencias e recibir asesoramento individualizado.
Con este iniciativa, o Club de Produto Galicia Suroeste dá un paso máis na súa aposta por fomentar a cooperación entre empresas e consolidar unha oferta turística baseada na calidade, a identidade local e o aproveitamento responsable dos recursos do territorio.
O proxecto enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation – UE e liderado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural.

Ningún comentario:
Publicar un comentario