O PSdeG-PSOE de Oia constitúe o seu novo Grupo Municipal para a presente corporación
• O novo grupo estará formado por José Antonio Olmedo Granja, Martina Nuri Pombal Crespo e María Hortensia Villamarín Durán
Infogauda / Oia
O PSdeG-PSOE de Oia vén de facer público que formalizou “a constitución do seu novo Grupo Municipal, que representará á formación socialista no Concello durante a presente corporación. O grupo está integrado por José Antonio Olmedo Granja, Martina Nuri Pombal Crespo e María Hortensia Villamarín Durán, quen asume o compromiso de traballar por un municipio máis xusto, transparente e con oportunidades para todos os veciños e veciñas”.
Durante a sesión de constitución, “os tres representantes socialistas reafirmaron a súa vontade de exercer unha oposición construtiva, responsable e útil, centrada en defender os intereses da cidadanía de Oia, fiscalizar a acción do goberno local e propoñer medidas que impulsen o desenvolvemento sostible, a igualdade de oportunidades e a mellora dos servizos públicos”.
O portavoz socialista, José Antonio Olmedo Granja, subliñou que “o noso compromiso é coa xente de Oia, con quen confía nunha forma diferente de facer política: próxima, participativa e con sentido común. Queremos que a voz dos veciños e veciñas estea presente en cada decisión municipal”.
“O novo Grupo Municipal Socialista traballará de maneira coordinada coa estrutura do PSdeG-PSOE de Pontevedra e co conxunto do partido a nivel provincial e autonómico, co obxectivo de trasladar a Oia as políticas progresistas e sociais que promoven a igualdade, a cohesión territorial e a defensa do medio rural”, afirmou José Antonio Olmedo.
“Desde o PSdeG-PSOE de Oia agradécese o apoio recibido por parte da militancia e a cidadanía, e reafírmase o compromiso de seguir construíndo un proxecto sólido, transparente e con vocación de servizo público”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario