14 de out. de 2025

GALIZA

A CIG convoca mobilizacións nas cidades e vilas con motivo da xornada de paro xeral por Palestina  

 A central chama a secundar tamén este 15 de outubro as protestas que a Coordinadora Galega convoca pola tarde en preto de 50 localidades  



Infogauda / Santiago de Compostela

 No marco da xornada de paro xeral por Palestina de mañá, 15 de outubro, a CIG ten convocadas mobilizacións en diversas cidades e vilas para reclamar paz e xustiza reais para o pobo palestino, en base ao respecto ao dereito de autodeterminación e á fin da ocupación ilegal; e exixir unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel.  

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS  

 •  Compostela: na praza Roxa ás 12h. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participará desta mobilización e fará declaracións aos medios de comunicación ás 11:50h.  

 •  A Coruña: na praza de Vigo ás 11h.  

 •  A Estrada: na praza do Novo Mercado ás 12h.  

 •  A Guarda: na praza Avelino Vicente ás 11.30h.  

 •  Carballo: na praza do Concello ás 12h.  

 • Ferrol: na praza do Concello ás 12h.  

 • Lugo: no Edificio Sindical ás 12h.  

 •  Monforte: na praza de España ás 12h.  

 • Ourense: na Subdelegación do Goberno ás 11.30h.  

•  Pontevedra: na Ferrería ás 12h.  

•  Ribadeo: no Cantón ás 12h.  

•  Ribeira: na Porta do Sol ás 12h. 

•  Verín: na praza do Concello ás 12h.  

•  Vigo: no Cruce de Vía Norte ás 11.30h.  

•  Vilagarcía: na praza Ravella ás 12h.       

 A convocatoria de paro xeral da CIG abrangue a todo o persoal de todos os centros de traballo públicos e privados situados en Galiza, nas seguintes franxas horarias:  

Das 22:00 horas desta noite ás 02:00 horas do día 15, na quenda de noite.  

Das 10:00 horas ás 14:00 horas, na quenda de mañá.  

Das 18:00 horas ás 22:00 horas, na quenda de tarde.       

Non podemos cesar na exixencia dos dereitos do pobo palestino  

 A CIG fai un chamado a secundar esta xornada de paro porque a situación en Palestina, a pesar do acordo para o cesamento dos ataques en Gaza, é dunha brutal ocupación dende hai 77 anos por parte do Estado sionista de Israel. Sen esta ocupación non se pode entender o xenocidio en Gaza. “Ao igual que viñemos facendo nestes dous últimos anos, non debemos cesar na nosa acción de denuncia e repulsa e na exixencia de que se respecte o dereito á vida, á paz, á dignidade e á xustiza do pobo palestino”, asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.  

 Esta xornada de paro, salienta, servirá para manifestar máis unha vez a súa solidariedade do pobo galego co pobo palestino e para exixir a aplicación do dereito de autodeterminación en toda a Palestina, do río Xordán ao mar Mediterráneo, garantindo o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas.  

 Por isto, anima a secundar o paro xeral e as mobilizacións convocadas pola CIG durante a mañá e a participar tamén nas preto de 50 protestas que a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina organiza pola tarde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario