Medio Rural promociona na feira Iberflora de Valencia o sector galego da planta ornamental e a flor cortada
• A Xunta de Galicia dispón neste certame dun espazo propio, que acolle sete empresas da nosa comunidade e que contou hoxe coa visita do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte
• A Consellería puxo en marcha, de acordo cos axentes do sector, a estratexia sectorial para impulsar un eido que supón un valor económico anual de 82 millóns de euros e uns 1.500 postos de traballo directos
Infogauda / Valencia
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, atópase hoxe en Valencia para apoiar coa súa presenza a promoción do sector galego da planta e a flor cortada con motivo da celebración de Iberflora, Feira Internacional de Planta e Flor, Paisaxismo, Tecnoloxía e Bricoxardín, que ten lugar dende hoxe e ata o xoves.
Medio Rural participa neste certame cun espazo de 720 m² no pavillón 3 da feira, no que tamén están representadas sete empresas galegas do sector. Trátase de Veraleza, Coplant, Viveros Juan Peixoto, Fomento Vegetal, Vinicius Terrae, Viveros de Romai e Viveros Nilo.
Neste contexto, cómpre destacar que Galicia é unha potencia no sector da planta ornamental e a flor cortada, cun valor económico anual de 82 millóns de euros e uns 1.500 postos de traballo directos, maioritariamente mulleres do rural. Así mesmo, a nosa comunidade ocupa o terceiro lugar de España en produción de flor e o quinto na planta ornamental.
Para impulsar este eido, a Xunta puxo en marcha, de acordo co sector, a Estratexia da Planta Ornamental e Flor Cortada de Galicia 2025-2035. Esta planificación ten como obxectivo avanzar na produción sustentable e respectuosa co medio ambiente, e que xere riquezas e oportunidades no medio rural. Ademais, procura mellorar o valor engadido en toda a cadea e afondar na imaxe e recoñecemento social dos produtores, así como aumentar a produción e o seu consumo.
Iberflora, que este ano acada a súa 54ª edición, é a feira líder do sector verde en España e unha das citas profesionais máis importantes de Europa. Constitúe o punto de encontro onde converxen as últimas tendencias, solucións e oportunidades deste eido produtivo e conta cun amplo programa de actividades e coa asistencia dun elevado número de profesionais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario