A CIG convoca mobilizacións nas cidades e vilas con motivo da xornada de paro xeral por Palestina
• A central chama a secundar tamén este 15 de outubro as protestas que a Coordinadora Galega convoca pola tarde en preto de 50 localidades
Infogauda / Santiago de Compostela
No marco da xornada de paro xeral por Palestina de mañá, 15 de outubro, a CIG ten convocadas mobilizacións en diversas cidades e vilas para reclamar paz e xustiza reais para o pobo palestino, en base ao respecto ao dereito de autodeterminación e á fin da ocupación ilegal; e exixir unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS
• Compostela: na praza Roxa ás 12h. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participará desta mobilización e fará declaracións aos medios de comunicación ás 11:50h.
• A Coruña: na praza de Vigo ás 11h.
• A Estrada: na praza do Novo Mercado ás 12h.
• A Guarda: na praza Avelino Vicente ás 11.30h.
• Carballo: na praza do Concello ás 12h.
• Ferrol: na praza do Concello ás 12h.
• Lugo: no Edificio Sindical ás 12h.
• Monforte: na praza de España ás 12h.
• Ourense: na Subdelegación do Goberno ás 11.30h.
• Pontevedra: na Ferrería ás 12h.
• Ribadeo: no Cantón ás 12h.
• Ribeira: na Porta do Sol ás 12h.
• Verín: na praza do Concello ás 12h.
• Vigo: no Cruce de Vía Norte ás 11.30h.
• Vilagarcía: na praza Ravella ás 12h.
A convocatoria de paro xeral da CIG abrangue a todo o persoal de todos os centros de traballo públicos e privados situados en Galiza, nas seguintes franxas horarias:
Das 22:00 horas desta noite ás 02:00 horas do día 15, na quenda de noite.
Das 10:00 horas ás 14:00 horas, na quenda de mañá.
Das 18:00 horas ás 22:00 horas, na quenda de tarde.
Non podemos cesar na exixencia dos dereitos do pobo palestino
A CIG fai un chamado a secundar esta xornada de paro porque a situación en Palestina, a pesar do acordo para o cesamento dos ataques en Gaza, é dunha brutal ocupación dende hai 77 anos por parte do Estado sionista de Israel. Sen esta ocupación non se pode entender o xenocidio en Gaza. “Ao igual que viñemos facendo nestes dous últimos anos, non debemos cesar na nosa acción de denuncia e repulsa e na exixencia de que se respecte o dereito á vida, á paz, á dignidade e á xustiza do pobo palestino”, asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Esta xornada de paro, salienta, servirá para manifestar máis unha vez a súa solidariedade do pobo galego co pobo palestino e para exixir a aplicación do dereito de autodeterminación en toda a Palestina, do río Xordán ao mar Mediterráneo, garantindo o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas.
Por isto, anima a secundar o paro xeral e as mobilizacións convocadas pola CIG durante a mañá e a participar tamén nas preto de 50 protestas que a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina organiza pola tarde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario