16 de out. de 2025

ECONOMÍA

Desconvocada a folga en BorgWarner tras o acordo en materia de categorías profesionais  

   A empresa de automoción e o comité pactaron tamén que no prazo dun mes ten que estar constituída a comisión negociadora do plan de igualdade  


Piquete na folga en BorgWarner
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 O comité de empresa de BorgWarner, compañía da automoción con sedes en Vigo, Nigrán e O Porriño, asinaron onte pola noite un acordo sobre as categorías profesionais e o plan de igualdade que deixa sen efecto a folga indefinida convocada ante os incumprimentos da empresa. 

 Segundo explican dende a representación do cadro de persoal, o acordo alcanzouse no sistema de clasificación profesional en técnicos/as e operarios/as, “logrando deste xeito unha das demandas máis solicitadas, como é a actualización e inclusión das categorías no convenio de aplicación”. 

 En canto o plan de igualdade, o comité (10 representantes da CIG, 6 da UGT, 2 da CGT, 2 de USO e 1 de CCOO) levaba tempo denunciando o incumprimento do II plan e a negociación do III, “xa que tras 12 meses de conversas rematouse sen cumprir os mínimos de negociación”. Polo que se pactou que nun prazo dun mes se constituirá a comisión negociadora, que terá un tempo determinado de negociación e estará supervisado polo AGA”. 

 O acordo foi posíbel tras unha única xornada de folga do paro indefinido que deu comezo onte e que tivo un seguimento do 100% entre o persoal de produción e do 75% entre o de oficinas. As negociacións entre as partes tiveron lugar coa mediación do AGA e prolongáronse até ben entrada a madrugada de onte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario