1 de xul. de 2025

VIGO

Medio Ambiente   

Abel Losada recibe aos integrantes da Plataforma Salvemos Santa Marta, de Baiona  

O subdelegado recalca que os recheos en execución son unha obra autorizada por Portos de Galicia e, por tanto, competencia da Xunta 

 

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu esta mañá na sede da Subdelegación en Vigo a unha representación da Plataforma Salvemos Santa Marta
Foto: S. do G.

Infogauda / Vigo

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu esta mañá na sede da Subdelegación en Vigo a unha representación da Plataforma Salvemos Santa Marta, colectivo que vén opoñéndose aos recheos en marcha para a ampliación do porto deportivo de Baiona, obra que conta coa autorización de Portos de Galicia e do Concello de Baiona. Na xuntanza tomaron parte Rafael Lores, Pablo Vasconcellos e Enrique Cabral. 

 Losada tiña recibido o pasado 9 de xuño unha petición da Plataforma para que o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) realizase un informe sobre a orixe do material de recheo que se está a empregar e o cumprimento da normativa ambiental e sobre residuos. O subdelegado informou de que ese informe, unha vez elaborado, cómpre trasladalo á Fiscalía. 

 O subdelegado recalcoulle aos integrantes da Plataforma que trátase dunha obra que é responsabilidade directa de Portos de Galicia (empresa pública da Xunta de Galicia), ao situarse no dominio portuario galego. A este respecto aclarou que o informe sectorial emitido polo Ministerio de Transición Ecolóxica refírese especificamente a cuestións de protección da fauna e flora, establecendo medidas protectoras. 

 Por outra parte, Abel Losada reivindicou o dereito da sociedade e dos seus representantes á participación pública e a velar pola preservación do medio ambiente, polo que animou á Plataforma a emprender cantas accións considere necesarias en beneficio da comunidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario