10 de xul. de 2025

TUI

A Eurocidade Tui – Valença acollerá o IV Encontro Ibérico AUDI 2025 

  Celebrarase o sábado 2 de agosto. Os vehículos participantes poderán admirarse no paseo da Corredoira  


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, mantiveron onte un encontro con Omar Cambeiro e Ángel Rodríguez, presidente e vicepresidente, respectivamente, do Club organizador para ultimar os detalles deste IV Encontro Ibérico Audi
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A Eurocidade Tui-Valença acollerá o sábado 2 de agosto o IV Encontro Ibérico Audi organizado por PRC Vigo Audisport - Club Audi Galicia. Nesta cuarta edición, que se prevé reúna máis dun centenar de persoas, os organizadores  apostaron por Tui e por Valença, salientando o atractivo turístico das dúas cidades e a súa situación estratéxica.  

 Este evento reunirá afeccionados e entusiastas da marca Audi tanto de España como de Portugal, ofrecendo unha oportunidade única para compartir a paixón por estes vehículos, intercambiar experiencias e gozar dun ambiente festivo no que tamén estará presente a gastronomía local.  

 O programa previsto comezará ás 11 h coa recepción das persoas participantes, que poderán estacionar o seus vehículos no céntrico paseo da Corredoira. O público en xeral terá a así ocasión de admirar os vehículos expostos, xunto cos coches oficiais e dos colaboradores.  

 Ás 12.30 h está prevista unha visita guiada polo conxunto histórico de Tui, na que as persoas participantes neste Encontro Ibérico poderán coñecer todos os atractivos turísticos que a cidade ofrece aos visitantes, dende o seu patrimonio histórico e artístico, até o natural.  

 Tras o xantar nun restaurante tudense, iniciarase unha ruta que levará aos vehículos participantes a atravesar a vella ponte internacional e dirixirse cara Valença do Minho, onde poderán admirar a súa fortaleza. O percorrido continuará até Vila Nova de Cerveira, cruzando de novo o Miño pola ponte internacional cara Goián, onde a xornada se pechará no Espazo Fortaleza, á beira do río, cun ambiente de festa e confraternidade.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, mantiveron onte un encontro con Omar Cambeiro e Ángel Rodríguez, presidente e vicepresidente, respectivamente, do Club  organizador para ultimar os detalles deste IV Encontro Ibérico Audi e mostrar o seu apoio a unha iniciativa que promove o turismo e reforza os lazos de colaboración entre ambas cidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario