14 de xul. de 2025

TOMIÑO

Máis de 400 persoas gozaron da Primavera no Mercado  

 A programación impulsada pola Asociación de Praceiros e Praceiras e Concello converteu o Mercado de Tomiño nun polo de dinamización con obradoiros, gastronomía e música en directo  


Durante as últimas semanas, o mercado acolleu seis obradoiros cun éxito rotundo
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Mercado de Tomiño vestiu as súas mellores galas para converterse nun auténtico epicentro de vida, creatividade e sabor coa súa Primavera no Mercado, unha ampla programación aberta a todos os públicos que atraeu a máis de 400 persoas nos últimos dous meses. A iniciativa, promovida pola Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado en colaboración co Concello, tiña como obxectivo dinamizar a praza de abastos e achegar á veciñanza a calidade e a proximidade dos produtos e servizos que ofrece este espazo emblemático. 

 Durante as últimas semanas, o mercado acolleu seis obradoiros cun éxito rotundo, sempre con prazas completas, nos que o Fogón do Mercado e a Floristería Marisa Baquero achegaron pequenas e dinámicas formacións arredor da cociña e da arte floral. Unha oportunidade perfecta para experimentar co produto local, de tempada e de alta calidade, convertendo o mercado nun lugar activo, creativo e participativo. 

 A música e a gastronomía tamén tiveron o seu momento estrela coas tres sesións dos Sábados con sabor, nas que grupos como Allo Negro, Terapia de Grupo e Weli Kings puxeron a banda sonora mentres o público desfrutaba de exquisitas tapas elaboradas no mercado. Pastel de cabracho, empanada de millo con mexillóns, guiso de pota, montadiños de picaña, costela de porco con patacas, guiso de polbo e sepia con garabanzos ou tostas crocantes de porco fixeron as delicias das persoas asistentes, consolidando o mercado como lugar de encontro e lecer. 

 “É unha alegría inmensa ver como o noso mercado se transforma nun punto de encontro para toda a veciñanza, enchéndose de música, aromas e actividades que poñen en valor o traballo das praceiras e praceiros e a calidade dos seus produtos”, destaca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A rexedora salientou que “este tipo de iniciativas son imprescindibles para dinamizar o comercio local e seguir facendo do mercado un espazo vivo, moderno e próximo, no que apetece estar”. 

 Con iniciativas como esta, Tomiño reafirma o seu compromiso por fortalecer a economía local e seguir transformando o seu mercado nun auténtico motor social e cultural do municipio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario