A Xunta de Galicia apoia unha nova edición do festival ‘Abride a fiestra’, que homenaxeará as cantareiras cunha vintena de actividades na Casa Museo de Rosalía
O secretario xeral da Lingua participou na presentación desta cita cultural que se desenvolverá o domingo 13 de xullo no municipio coruñés de Padrón
Foto: X.G.
Infogauda / Padrón (A Coruña)
A Xunta de Galicia volve apoiar a celebración do festival Abride a fiestra que se celebrará, o vindeiro 13 de xullo, na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, nunha edición que se suma á homenaxe das Letras Galegas deste ano ás cantareiras e á cultura popular galega, “fonte e inspiración indiscutible na creación da nosa escritora máis universal”. Así o salientou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación hoxe da programación do certame.
Por estes motivos, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou esta “irmandade irrenunciable” na que afondarán a vintena de actividades que se organizarán, durante once horas seguidas, na Casa Museo de Rosalía e que abrangue visitas guiadas, concertos, presentacións, coloquios, xogos tradicionais e actividades para todos os públicos, que terán a escritora como figura central.
Ao respecto, Valentín García celebrou o “altísimo interese” que segue a espertar o legado da autora de Follas Novas ou Cantares gallegos na creación artística actual, “demostrando que continúa a ser inspiración e referente imperecedoiro xeración tras xeración, e non só no eido cultural, senón tamén no de carácter social coa súa visión tan adiantada e comprometida”.
Programación
A programación do 13 de xullo comezará ás once da mañá e incluirá actuacións musicais, sesións de contacontos e unha de observación astronómica, ademais dunha un xogo de escape para a cativada, que tamén contará con xogos populares durante todo o día e poderá participar nun obradoiro de creación libre de obxectos sonoros con materiais naturais. A maiores, haberá visitas guiadas e presentacións e coloquios literarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario