O Consorcio Casco Vello de Vigo continúa coa recuperación do barrio histórico do Berbés e inicia a rehabilitación dun edificio singular con dúas vivendas
• A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, presidiu o comité executivo e o consello de administración
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este mércores o comité executivo e o consello de administración do organismo autónomo no que deuse conta da marcha das obras de recuperación do barrio histórico de O Berbés, onde xa comezou a rehabilitación dun inmoble en mal estado para poñer a disposición da cidadanía dúas vivendas de promoción autonómica.
O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia, xa iniciou as obras de reforma do edificio situado no número 39 da Ribeira do Berbés, tamén con saída ao número 2 da rúa San Francisco, por un importe de 562.798,51 euros. Ana Ortiz destacou que “non só recuperamos así a zona histórica e as raíces da cidade, senón que tamén poñemos ao dispor da vigueses vivenda de promoción pública”.
A nova rehabilitación permitirá construír dúas vivendas de 90 e 106 metros cuadrados no Berbés, onde o CCVV xa adquiriu dez edificios permitindo a creación ata este momento de 6 vivendas, xa habitadas tras a súa adxudicación. A estas seis, situadas nos números 29, 31 e 41, sumaranse agora as dúas do número 39.
Outros catro edificios foron cedidos polo Consorcio para a creación da sede urbana da Universidade de Vigo (na agrupación dos números 11, 13 e 15) e do Albergue de Peregrinos de Vigo, promovido pola Xunta de Galicia, no número 5. O Consorcio adquiriu tamén o edificio situado no número 7, actualmente xa baleirado.
Vivendas no Casco Vello Alto
Por outra banda, o consello de administración continúa co proceso de venda das vivendas de promoción pública de Elduayen, 31 e Subida á Costa, 9. Na primeira o CCVV investiu un total de 1,4 millóns, sumando a compra do inmoble e a adxudicación dos traballos. Esta última actuación supón a posta a disposición da cidadanía de 6 novas vivendas de protección autonómica, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario