ATLETISMO
Sergio Silva Souto bate o récord galego sub14 de 1.000 metros en pista cuberta
Redacción Deportes
O atleta tomiñés, Sergio Silva Souto estableceu un novo récord galego sub14 de pista cuberta na proba de 1.000 metros, tras deter o crono en 02:45.80.
Con este rexistro mellora amplamente a anterior plusmarca autonómica, que estaba en posesión do atleta valego Pedro Mourón Soto, lograda o 22 de decembro de 2024 cun tempo de 02:46.22.
O corredor do Club Atletismo Trega (Tomiño) xa mostrara un excelente estado de forma no recente Campionato de Galicia de Clubs, e volveu confirmalo no control de marcas celebrado este sábado nas instalacións cubertas de Expourense, onde asinou unha actuación de gran nivel.
Deste xeito, Sergio Silva Souto pecha o seu último ano na categoría infantil como o atleta máis destacado do panorama autonómico, logrando o mellor rexistro galego de todos os tempos en pista curta. A súa progresión ao longo da tempada foi notable, rebaixando a súa marca en máis de 9 segundos na distancia, baixo a dirección técnica dos seus adestradores Javier Sierpes e Patricia Pereira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario