Unha ruta de ilusión por barrios e parroquias do Rosal cos Reis Magos
• O luns, 5 de xaneiro, percorrerán catro itinerarios diferentes ao longo da mañá e haberá unha recepción e actividades dende as 17:00 horas, na praza do Calvario
Infogauda / O Rosal
O Rosal quenta motores para recibir aos Reis Magos. O vindeiro luns 5 de xaneiro as súas Maxestades volverán encher de maxia e ilusión todos os barrios e parroquias do Rosal. O percorrido real comezará ás 11:00 da mañá, cando os tres Reis visitarán cada recuncho da localidade repartindo agasallos para os máis pequenos e tamén, a encargo do Concello, caramelos brandiños para a cativada e o almanaque do ano 2026.
As Súas Maxestades realizarán catro rutas diferentes para que ninguén se quede sen saudalos e a visita durará aproximadamente 10 minutos en cada unha das case 50 paradas estimadas. En caso de choiva, a comitiva real modificará o seu percorrido matutino, visitando as escolas dos barrios e outros espazos cubertos.
Na tarde do mesmo día, a celebración comezará a partir das 17:00h na praza do Calvario a cargo de Asacocirco, que abrirán boca co seu espectáculo antes da recepción aos Reis Magos ás 18:00 horas para todos aqueles e aquelas que queiran darlle as últimas encomendas de cartas ou saudalos por última vez. Ademais, ás 18:45 horas haberá un espectáculo de video mapeo (técnica audiovisual que proxecta videos e imaxes sobre superficies reais e tridimensionais) sobre a fachada da Casa Consistorial. En caso de choiva, a festa trasladarase ao Pavillón Municipal Javi Díaz, asegurando que a celebración continúa coa mesma intensidade e entusiasmo. Ademais, haberá chocolatada e pintacaras.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a todos os rosaleiros e rosaleiras “a acompañar aos Reis Magos na súa visita polo Rosal, xa que é unha tradición que enche de ilusión e sorrisos cada un dos nosos barrios e parroquias. Quero facer un especial agradecemento ás asociacións locais pola súa colaboración, xa que xogan un papel fundamental para que a cabalgata real transcorra do mellor xeito”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario