O PP DE TUI DESMINTE AO ALCALDE: “NUNCA EXISTIU NINGÚN ACORDO PARA APROBAR OS ORZAMENTOS”
▪ O grupo municipal popular acusa ao alcalde de faltar a verdade ao afirmar que tiña un acordo previo co PP para absterse na votación dos orzamentos.
▪ “O noso voto en contra ven dos nosos principios e da nosa responsabilidade institucional como oposición ante uns orzamentos que carecen de rigor, transparencia e planificación real”, afirman os populares.
▪ O PP lembra que en Tui decide o grupo municipal e que quen está a bloquear a cidade é un goberno en minoría que nin dialoga, nin negocia, nin respecta á corporación.
Infogauda / Tui
O Partido Popular de Tui quere deixar claro, de forma rotunda e sen matices, que as declaracións públicas do señor Cabaleiro sobre un suposto acordo previo para a aprobación ou abstención na votación dos orzamentos municipais de 2025 son falsas, oportunistas e impropias dun cargo institucional. O grupo municipal popular acusa ao alcalde de faltar á verdade ao afirmar tal acordo.
“O alcalde pretende desviar a atención culpando aos demais do que é só responsabilidade súa: a de presentar uns orzamentos sen falar con ninguén e pedirnos un cheque en branco para tapar a súa incapacidade negociadora”, sinalou o voceiro municipal, Nico Montes.
Desde o PP recordan que o rexeitamento aos orzamentos responde a unha análise responsable dun documento que, a metade de ano, chega tarde, mal e sen consenso. “Votamos en contra porque estes orzamentos están elaborados de costas á corporación, sen rigor, sen control do gasto e alleos á realidade que precisa a nosa cidade”, engade Montes.
O grupo popular lamenta que o alcalde insista en utilizar o vitimismo como estratexia política, culpando á oposición do bloqueo cando a única responsabilidade de buscar acordos é de quen goberna. “Se non é capaz de pactar nin co seu socio preferente, e o insulta no pleno, que pretende? Que o PP lle regale a aprobación como premio á súa prepotencia?”.
O PP tamén denuncia que este suposto orzamento “prioritario” chegue con medio ano de atraso. “Falan de progreso, pero o único que medra é o gasto corrente, mentres as axudas reais á veciñanza seguen estancadas. Iso si, a propaganda institucional e os contratos a dedo seguen blindados”, critican.
Nico Montes conclúe con rotundidade: “O PP non vai avalar uns orzamentos que só serven para seguir gastando sen control. Se o señor Cabaleiro quere gobernar, que empece por negociar, por dicir a verdade e por deixar de actuar como se tivera maioría absoluta. A realidade de Tui é outra, e non acepta xa máis o teatrillo nin a constante ameaza da moción de censura”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario