ACORDOS DA XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE DE BAIONA
Foto: S. do G.
Infogauda / Baiona
Na Casa do Concello de Baiona, celebrouse hoxe Xunta Local de Seguridade, presidida polo alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, e polo subdelegado do Goberno, Abel Losada Álvarez.
Asistiron o coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, e mandos da Benemérita; o xefe da Policía Local e axentes; a xefa da Unidade de Prevención da Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez, e representantes municipais.
Acordos adoitados:
Aprobado o Plan de Seguridade do Verán para coordinar os efectivos da Policía Local e da Garda Civil en eventos como o festival Entre Playas, Arribada, Barreira Fest, as verbenas parroquiais, etcétera.
A Garda Civil informou dos reforzos ordinarios na súa campaña de verán en zonas turísticas da provincia de Pontevedra, entre as que está a contorna de Baiona. Deuse conta da chegada de axentes en prácticas e tamén da incorporación de axentes da GNR portuguesa.
A Garda Civil deu conta da positiva evolución das estatísticas de delincuencia en Baiona. No que vai de ano (xaneiro-maio) produciuse un descenso dun 10% que se acumula sobre o 10,15% que xa descendeu a criminalidade ao longo do pasado ano 2024. Ao longo dese ano houbo un total de 207 persoas detidas e/ou investigadas. O coronel Touceda alertou do importante impacto da ciberdelincuencia en Baiona, superando xa o 30% dos delitos totais denunciados, polo que pediu colaboración ao Concello para a sensibilización da poboación maior, que é a que sufre especialmente este tipo de acción. O alcalde aceptou a posibilidade de incorporar microsesións de formación en ciberdelincuencia nas actividades que organiza o Concello co colectivo de persoas maiores, como os obradoiros de memoria.
Por parte da Garda Civil de Tráfico indicáronse tamén os bos datos en materia de seguridade viaria, pois no que vai de ano en Baiona tan só se teñen producido 6 feridos leves en accidentes de circulación.
Ao respecto do Plan Director para a Convivencia nos Centros Escolares deuse conta da participación de 370 alumnos/as o ano pasado e tamén de 32 pais e nais nunha conferencia formativa organizada pola Garda Civil coa colaboración do Concello. Acordouse seguir abundando nesta liña para que cada vez máis familias participen nas sesións do Plan Director e axudar así á formación dos menores na prevención da delincuencia.
Finalmente, abordáronse as estatísticas do plan integral de loita contra a violencia de xénero (VioGén). O Concello de Baiona terminou de formalizar a súa incorporación ao sistema o pasado mes de maio e xa ten designado un axente que será o encargado de colaborar no seguimento e atención ás vítimas. A día de hoxe hai 13 casos activos en Baiona, dos que 7 están en risco baixo e 6 en risco non apreciado. Hai 8 ordes xudiciais de protección en vigor. A idade-tipo das vítimas e dos agresores está na franxa entre os 31 e 45 anos. Tamén deuse conta de que Baiona recibe 5.730 euros ao ano do Pacto de Estado de Violencia de Xénero e coa súa incorporación a VioGén verá incrementada esta cantidade. María José Rodríguez informou que en virtude dunha Instrucción do Ministerio de Interior que hoxe entra en vigor desaparece a valoración de risco “Non Apreciado” do sistema VioGén. Ademais, reiterouse a felicitación a Baiona por terse incorporado ao sistema integral e pecháronse os últimos detalles para definir a colaboración que, a partires de agora, terán a Garda Civil e a Policía Local para protexer ás mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario