As máscaras de Entroido cobran vida no Rosal cun obradoiro para a cativada
• O Concello organiza un taller gratuíto, o vindeiro sábado 22 de febreiro, ás 17.30 horas. Inscricións no teléfono 986 625 000
Infogauda / O Rosal
Os risos e a creatividade van ser os protagonistas na nova actividade organizada polo Concello para a cativada. O vindeiro sábado 22 de febreiro, rapaces e rapazas terán a oportunidade de mergullarse na tradición do Entroido cun obradoiro especial onde poderán elaborar as súa propias máscaras.
O obradoiro, organizado polo Concello a proposta do grupo de infancia e xuventude Fogaricos, está pensado para nenos e nenas de todas as idades, cun límite de 20 prazas para garantir unha experiencia participativa. Ademais, os nenos e nenas menores de 6 anos deberán asistir acompañados dunha persoa adulta.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia da implicación e colaboración da rapazada rosaleira, xa que “fomentar a participación da nosa infancia e xuventude nas actividades do Concello é fundamental para que as novas xeracións se sentan parte da vida municipal. O obradoiro de Entroido é unha ocasión perfecta para que nenos e nenas aprendan sobre as nosas tradicións, pero tamén para que se divirtan e se expresen creativamente”.
A actividade que se impartirá ás 17.30 horas na Escoliña Simón do Mazo é totalmente de balde e inclúe todos os materiais necesarios para que cada participante poida dar vida á súa creación.
Para participar é imprescindible realizar a inscrición previa chamando ao teléfono do Concello 986 625 000 ata completar aforo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario